As emendas do PP decepcionan ao goberno provincial
Por Oskar Viéitez
"O único que busca o PP é que sigamos a prestar servizos propios da Xunta, que eles non compren". Así falou o deputado responsable de Economía, Carlos Lóepz Font que criticou este mércores a emenda á totalidade presentada polo Partido Popular na Deputación de Pontevedra por ser "pobre, falta de contido e de rigor".
Ao seu xuízo, as propostas presentadas polos populares son "opinións que non poden ser obxecto de valoración. Limítanse a opinar, esquecendo o que fixeron nos seus longos gobernos", dixo Font, "mentres que nós facemos e recompoñemos".
Para este deputado as alegacións do PP demostran "que non coñece nin a provincia, nin as súas necesidades, nin a desfeita que tiñamos nesta Deputación, nin o mínimo criterio sobre elaboración de orzamentos".
O responsable de Economía no goberno provincial sinalou que as emendas da oposición "son exclusivamente un escritiño para poder falar e mentir outra vez máis" e subliñou que repiten o documento presentado o ano anterior.
Font insistiu que o orzamento "resume con claridade as grandes liñas do goberno, cun proxecto global de provincia con respecto á autonomía local e que reflicte a boa situación da economía da Deputación".
Ademáis engadiu que as contas provinciais estase a elaborar dende setembro, e destacou que "nunca" os concellos "coñeceron con tanta antelación as cantidades a recibir polo Plan Concellos para poder elaborar as súas contas", e engadiu que o mesmo ocorreu cos sindicatos, cos que desenvolveron con "normalidade" as sucesivas mesas de negociación.
O deputado rexeitou "que o PP demonice o incremento en persoal e gasto corrente cando corresponde, na súa maior parte, as deficiencias que deixaron eles tanto na estabilidade do persoal desta administración como na carencia de recursos para afrontar as tarefas".
Igualmente, o deputado enumerou as "enormes contradicións" dos populares cando piden mais recursos para emprego "e a Xunta nos reduce de seis a dous o número de axentes de emprego de desenvolvemento local ou cando esixen 18 millóns máis para os concellos, un reclamo publicitario carente de apoio económico, sen dicir que o goberno do Estado pon límites. Deberían falar cos seus compañeiros en Madrid e a Xunta".
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras pide á Deputación que converta en funcionarios ao persoal laboral
Por Oskar Viéitez |
-
O PP emenda os orzamentos da Deputación por estar elaborados "de costas aos concellos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |