Marín retira 472 pombas e 173 niños de gaivota
Por Redacción
A campaña iniciada polo Concello de Marín para controlar a poboación de aves, principalmente pombas e gaivotas, segue dando os seus froitos. Segundo informa o goberno municipal no último ano 2017, a presenza de ambas as especies foise reducindo de forma paulatina, na busca dun censo "asumible".
Así, ao longo deste ano retiráronse un total de 472 exemplares de pomba. Os traballos centráronse na rúa Concepción Arenal e, recentemente, en dúas zonas sobre as que aínda non se actuou, a rúa do Forno e O Seixo, que se estaban vendo afectadas pola presenza masiva destas aves.
O servizo de control poboacional da gaivota patiamarela, ademais, pechou o ano coa revisión de 336 tellados, dos cales se retiraron 173 niños. Son, en total, 242 ovos e 78 pitos retirados.
Neste traballo, destacan desde o Concello, tivo unha gran incidencia a colaboración dos cidadáns, que permitiu aumentar a localización destes niños.
Ademais do servizo para ambas as especies, o concello tomou unha serie de medidas para facilitar a redución destas dúas especies como a retirada de lixo do exterior do mercado ou a información a propietarios de edificios en mal estado con pombais incontrolados para que tomen as medidas oportunas.