85 veciños de Barro, Cotobade e Moraña participarán nos obradoiros de "Tecendo lazos"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra pon en marcha este martes 26 de decembro novos obradoiros do programa "Tecendo Lazos", promovido polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial, nos concellos de Barro, Cotobade e Moraña.
En total, 85 persoas destes tres concellos beneficiaranse desta iniciativa que ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.
Máis polo miúdo, en Barro participarán 32 persoas nun obradoiro de "Bailes de Romería" que alongarase ata o 9 de xaneiro e terá lugar no salón de actos da Biblioteca Municipal. Pola súa banda, en Cotobade, 24 persoas acudirán á Biblioteca Pública de Tenorio para gozar do obradoiro "Regreso ao pasado, xogos tradicionais". Este obradoiro rematará o 29 de decembro.
E por último, en Moraña, 29 persoas desfrutarán ata o 3 de xaneiro, na Casa de Cultura, dun obradoiro de "Elaboración de xabóns con receita".
CONECTADAS 2018
Por outra banda, a Deputación destinará 324.000 euros ao programa Conectadas 2018, co obxectivo de potenciar a participación e a promoción das mulleres e as relacións interpersoais igualitarias a través da formación.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras deste programa que en palabras da presidenta provincial, Carmela Silva "ten por obxectivo potenciar a participación e a promoción das mulleres e favorecer as relacións interpersoais igualitarias, impulsando accións formativas e incorporando de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar".
Conectadas 2018, que conta cun orzamento de 324.000 euros, pon o acento na formación, en estender diferentes cursos e obradoiros sobre cuestións variadas para empoderar ás mulleres e dotalas de ferramentas para construír unha sociedade igualitaria.
No ano 2017 este programa tivo unha participación de 5.500 mulleres de 60 concellos da provincia que participaron activamente nesta iniciativa.