Os gardacostas requisan máis de 1,5 toneladas de peixe e marisco
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 1,5 toneladas de peixe e marisco en diversos controis realizados nos últimos días e 458 útiles, entre eles dúas embarcacións e unha furgoneta. Tamén se aprehenderon de 16.900 metros de artes de enmalle.
A ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos por terra e por mar. Alí os axentes requisaron preto de 916 quilos de distintas especies de peixe e marisco, 188 aparellos, a maioría nasas, e 6.250 metros de artes de enmalle.
Nun dos controis, realizado entre axentes de Gardacostas e do servizo marítimo da Garda Civil, realizado no norte da ría, aprehendéronse dunha embarcación, unha furgoneta, un equipo de mergullo, dúas botellas de mergullo, arredor de 78 quilos de vieira, 34 quilos de centola (parte dela ovada), preto de 9 quilos de choco, máis de 5 quilos de polbo e cerca dun quilo de lumbrigante.
Outro control destacado realizouse no sur da ría e resultou co comiso de 240 quilos de centola, 50 quilos de distintas especies de peixe e 9 quilos de boi. Ademais os gardacostas tamén se incautaron de 4.250 metros de miños.
Por outra banda, na ría de Pontevedra os gardacostas requisaron 58 quilos de peixe e marisco, 116 nasas e 4.000 metros de artes de enmalle. O operativo máis relevante foi nas zonas de Punta Petís, na praia de Agrelo e nas proximidades do porto de Bueu e nel os axentes requisaron 47 quilos de centola, 50 nasas e 4.000 metros de raeiras (artes de enmalle), debido a que todo estaba sen identificar.