Cinco ecomercados para vender produtos ecolóxicos e artesanais no Nadal
Por Redacción
A praza de abastos de Bueu acollerá este venres 22 de decembro o primeiro dos cinco ecomercados que impulsa o goberno municipal para a venda de produtos ecolóxicos e artesanais. Haberá outras catro datas máis: os días 23, 29 e 30 de decembro e o 5 de xaneiro.
O horario será os venres entre as 11 e as 21 horas e os sábados de 11 a 14.30 horas.
As persoas que se acheguen poderán mercar produtos nunha vintena de postos ecolóxicos e artesanais nos que disporán de embutidos, queixos e conservas, mel e marmeladas, froitos secos, chocolates e turróns, viños, cervexas, licores, cosméticos naturais e xabón e téxtil e coiro.
Co obxectivo de dinamizar o comercio local, sortearanse vales de compra por valor de 480 euros, a cambiar nos establecementos da propia praza de abastos.
O obxectivo é pois, vivir o espírito de Nadal a través da decoración e as luces, coa posibilidade de pasear entre os distintos postos e visitar a cantina para degustar un petisco de balde coa consumición.
En canto ás actividades, que terán lugar no primeiro andar da praza de abastos, o 22 de decembro ás 18.00 horas, está organizado un obradoiro de creación dunha árbore con botellas recicladas, a cargo de Horta Agrelo. O sábado, os máis pequenos e pequenas terán a oportunidade de elaborar turróns da man da tenda ecolóxica local A Despensa da Terra.
Xa á semana seguinte, o 29 de decembro a partir das 18 horas María Carrera representará a obra de teatro A Pirata Lola, e a continuación celebrarase o obradoiro de piruletas de Nadal, coa Despensa da Terra. Seguindo coa programación de Nadal, o sábado 30 celebrarase un taller de elaboración de adornos de Nadal con Horta Agrelo.
Para estes dous días tamén están programados dous concertos musicais, que se celebrarán ás 12 diante da praza de abastos: Xoan Curiel (29 decembro), e The Flamingo Swinging (30 decembro).
Os mercados rematarán o 5 de xaneiro, cando os máis pequenos e pequenas terán a oportunidade de aprender a realizar rosquiñas de Reis ás 12.00 horas.