A Deputación promociona o turismo ornitolóxico organizando rutas guiadas con SEO Birdlife
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou o inicio dunha campaña de promoción do turismo ornitolóxico xunto con SEO Birdlife organizando tres rutas guiadas co nome xenérico de "Voando nas Rías Baixas".
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves no Pazo provincial, Carmela Silva indicou que as Rías Baixas son un dos principais destinos do territorio español para as persoas amantes da observación de aves e atrae desde hai anos un tipo de turismo "sustentable e respectuoso co medio", sendo este "un dos eixos do Plan Estratéxico de Turismo" que acaba de presentar o goberno provincial.
Carmela Silva asegurou que o turismo ornitolóxico é "unha tendencia en auxe" que pasou de ser "unha simple actividade de lecer" a converterse nunha "opción de viaxe diferenciada".
A campaña consiste no patrocinio de tres rutas guiadas por enclaves "de alto interese" para a observación das aves como son o complexo intermareal de Umia-O Grove, clasificado como zona húmida de importancia internacional na que invernan preto de 18.000 aves e que se visitará no 21 de xaneiro; a segunda das rutas terá lugar o 4 de febreiro polo esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa, un espazo compartido por Galicia e Portugal que é un humidal de características excepcionais. Finalmente o 20 de maio terá lugar a terceira das rutas que percorrerá as Brañas de Xestoso, un ecosistema único que se remota ao Neolítico e que está situado na comarca de Deza-Tabeirós.
Carmela Silva destacou que estas rutas perseguen "sensibilizar á poboación" sobre a necesidade de protexer estes espazos que son "un recurso natural de primeira orde" e constitúen tamén "unha oportunidade de desenvolvemento turístico que queremos potenciar".
O representante do grupo local de SEO/ BirdLife en Pontevedra, Gustavo Ferreiro, explicou que a súa organización é "unha ONG ambiental con vocación científica e conservacionista", é "a máis antiga de España" pois leva desde 1954 traballando en varias liñas de actuación entre as que destaca o estudo das aves e dos ecosistemas que ocupan e dar a coñecer as diferentes especies para fomentar a conservación da natureza.
Neste sentido, Ferreiro lembrou que "non se protexe aquilo que non se coñece" por isto a súa ONG destacou a importancia de mostrar "os espazos máis fermosos e con maiores valores ambientais" para crear esa sensibilidade "que é fundamental para protexelos".
Relacionadas:
-
En 10 minutos "voan" as prazas para participar no primeiro roteiro da Deputación para ver aves
Por Redacción |
-
Pontevedra abónase ao turismo ornitolóxico coa segunda edición de 'Voando nas Rías Baixas'
Por Redacción |
-
A Lanzada, primeiro destino da ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas"
Por Redacción |
-
A fin de ano achegouse a un 60% de ocupación hoteleira na provincia
Por Redacción |
-
Un parque nacional único no mundo
Por Noticia patrocinada |
-
Facer turismo para mirar paxariños, nova promoción das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo e o Seo Birdlife promoverán as aves do municipio
Por Redacción |