Renovación "ampla" no Partido Popular en 2018 para afrontar as eleccións municipais
Por Redacción
O 2018 será un ano importante para o Partido Popular de Pontevedra. Así o sinalou o seu presidente, Alfonso Rueda, na súa intervención ante o Comité Executivo Provincial, que despediu o ano cunha xuntanza na que puxeron as bases para acometer unha "ampla" renovación nos 61 concellos para afrontar con garantías as próximas eleccións municipais.
Este traballo, asegurou Rueda, dará continuidade á "renovación total" do discurso do partido, que se está a producir coa incorporación dun "amplo abano" de persoas procedentes de diferentes sectores e que están a contribuír a que o PP estea "máis apegado" á realidade cotiá dos veciños da provincia.
O presidente do PP de Pontevedra animou aos seus compañeiros a confiar neste modelo "aperturista" e impregnarse das novas ideas que aportan os cidadáns "atraídos" polo partido. Esta "ilusión colectiva" permitirá, engadir, encontrar aos mellores candidatos para afrontar "con garantías de transversalidade e de éxito" os comicios locais.
"Temos a clara idea de que todo o mundo suma, pero tamén somos conscientes de que hai que adaptar o noso discurso e o noso xeito de actuar ás novas demandas que nos reclama a cidadanía deixando atrás comportamentos indesexables e caducos", dixo Rueda no comité.
Dentro desta filosofía de "proximidade", o comité executivo aprobou a realización dunha nova edición de revistas locais en todas e cada unha das agrupacións da provincia co fin de manter ese contacto directo coa cidadanía.
Previamente á intervención de Alfonso Rueda tomou a palabra o voceiro do PP na Deputación, Ángel Moldes, quen fixo un "retrato" da realidade do ente provincial que, lamentou, "vai camiño de retrotraernos a tempos xa esquecidos dun nulo futuro caracterizado pola parálise e a morte por inanición da acción social e de infraestruturas para os municipios máis modestos".
Moldes referiuse á actuación do PP como un "auténtico acicate" para que a presidenta "esperte do seu letargo político" e o BNG non poida levar a cabo a súa "política decidida de desidia e desmantelamento dos servizos e infraestruturas que tanto custou crear ao longo dos anos de esforzo investidor con cartos dos contribuíntes e que agora esmorecen enferruxados".
Relacionadas:
-
Conselleiros do goberno de Núñez Feijóo manteñen un encontro para fomentar a política de proximidade
Por Redacción |
-
Os deputados do PP acusan de "parálise e falla de xestión" ao goberno provincial
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Feijóo ve a Lores "agotado": "Se acertamos co candidato poderíamos gobernar"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |