Defensa rexeita ceder a súa subdelegación en Pontevedra para escola infantil
Por Alejandro Espiño
O edificio no que se asenta a Subdelegación de Defensa en Pontevedra, situado no Paseo de Cervantes, cumpre "á perfección" as funcións necesarias para as súas actividades. Así xustifica o ministerio a súa negativa para tramitar a súa cesión para reconvertelo en escola infantil.
Defensa lembra que, por ese mesmo motivo, o inmoble non foi incluído no seu plan de racionalización de infraestruturas. Ademais, asegura que o custo anual de mantemento "axústase ao orzamento" e é moi similar ao resto de delegacións.
É a resposta do Goberno á iniciativa presentada polas deputadas de En Marea, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez, que solicitaban o traslado da actividade da subdelegación a outra sede gobernamental e destinar este edificio, de 1.836 metros cadrados construídos, a paliar o déficit de prazas que hai en Pontevedra en materia de escolas infantís.
Marea lamenta que o Estado "dificulte" que Pontevedra teña unha escola destas características no centro da cidade, que axude a reducir a "elevada" porcentaxe de nenos que quedan sen praza, cifrado en 518 das 1.005 peticións, segundo o partido.
O edificio, obra de Alejandro Sesmero, construíuse en 1877 para Grupo Escolar e foi adquirido definitivamente polo Exército en 1956.
É a única sede provincial que Defensa, sinalan desde Marea, decidiu non pechar "contrariamente ao que fixo no resto das capitais galegas", onde se integrou noutros edificios "a un menor custo para a administración".
A decisión de Defensa, recoñece Marea, "dificulta" que a proposta aprobada no pleno municipal, co apoio de todos os grupos salvo o PP que se abstivo, "poida ser unha realidade".
Relacionadas:
-
As escolas infantís de Pontevedra, segundo Política Social, responden á demanda existente
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea Pontevedra solicita aumentar os prazos para pagar o IBI e a bonificación ás familias numerosas
Por Oskar Viéitez |
-
Puigdemont e a Fundación Franco cóanse no debate económico do pleno
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón converter en gardería o edificio da Subdelegación de Defensa
Por Oskar Viéitez |