VIDEO.- Así foi o escape de gas na rúa Benigno Esperón
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio informou este mércores dun escape de gas na rúa Benigno Esperón, na parroquia de San Salvador.
Pasaban das seis da tarde cando un dos operarios que traballan nas obras de humanización da rúa picou a tubaxe do gas.
Inmediatamente informouse aos axentes municipais que pecharon a zona ao tráfico como primeira medida de precaución.
Aínda que foron alertados os Bombeiros do Salnés, a avaría foi contida polos propios traballadores que estrangularon a condución do gas parando así a fuga.
Durante o incidente non se produciu ningunha deflagración nin foi necesario desaloxar os veciños.