Sanxenxo entrega á Deputación a última cesión necesaria da estrada de Dorrón
Por Redacción
O concelleiro de Infraestruturas, Daniel Fernández e Alfonso Rea, concelleiro de Servizos, entregaron na Deputación a última cesión necesaria para poder retomar e finalizar as obras da estrada de Dorrón, EP-9213.
A reactivación deste proxecto supón chegar ao final dunha actuación iniciada polo anterior goberno provincial para alargar por completo a plataforma do viario, dotar á estrada de beirarrúas e canalizar os servizos de telefonía e subministración eléctrico.
O goberno municipal conseguiu a cesión veciñal do tramo de 26 metros que faltaba, que, engadida á última cesión entregada, permitirá a construción dun muro de peche e contención no nacemento da estrada no cruzamento coa PO-308 e a construción de beirarrúa no tramo cedido.
Con isto, ao longo do mes de decembro, e unha vez finalizados os traballos de albañilería, procederase ao saneo e asfaltado do firme, coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
A estrada de Dorrón, ademais de ser un viario para os veciños do lugar, é unha estrada secundaria que en momentos puntuais de moito tráfico utilízase como itinerario alternativo para evitar atascos e desconxestionar a PO-308.