Que fai unha mestra metida nun composteiro? Velaquí a resposta
Imaxes como a que acompaña a esta noticia están a suscitar sorpresa entre a veciñanza. A explicación está nas diferentes tarefas que esixe o acondicionamento dun composteiro, entre as que se conta o valeirado dos módulos. E cando as ferramentas non conseguen chegar a todos os recunchos, é aquí cando o traballo manual das mestras e mestres composteiros toma protagonismo. É o caso da mestra Paula Santos, que nos ofrece esta curiosa fotografía.
Os composteiros xa forman parte da paisaxe de moitos lugares da provincia. Día a día, a veciñanza parola coas mestras e mestres composteiros para consultar dúbidas e dar solución a todo o relacionado co ciclo do lixo orgánico. Recollemos a continuación as cuestións máis demandadas:
1- Hai que cubrir algún impreso ou sacar un permiso para poder usar o composteiro do meu barrio?
Calquera veciño ou veciña que queira aportar o seu lixo orgánico nos composteiros do Plan Revitaliza pode facelo, xa que están abertos e son de uso libre. En calquera caso, para garantir un funcionamento correcto, calcular o aporte de residuos que van ter, e establecer as necesidades de atención técnica que precisan, a Deputación e os concellos precisan datos da veciñanza que participa na iniciativa. Se queres apuntarte á compostaxe, comunícallo ao mestre ou mestra composteira do teu barrio.
2- Como fago para compostar?
Tan só tes que achegarte ata o composteiro comunitario da túa zona e botar o lixo orgánico (restos de comida e vexetais) no módulo de achega, o que está marcado cun punto verde, e logo cubrilo cun pouco de estruturante, que é unha mestura de pólas e restos de poda que está dentro doutro colector, tamén cun cartel indicativo. A bolsa plástica debes deixala no colector amarelo.
3- Hai que pagar algo para conseguir o compost que produce o composteiro comunitario?
O compost que produce o composteiro comunitario é totalmente gratuito para a veciñanza. Pregunta á mestra ou mestre composteiro da túa zona para saber que día teñen previsto sacar o compost final para pasar a recollelo.
4- Podo tirar no composteiro os residuos orgánicos sen sacalos da bolsa, como nos colectores de plástico?
Non, hai que botar no composteiro só restos orgánicos e a bolsa de plástico temos que depositala no colector amarelo para plásticos.
5- Podo botar no composteiro os restos dos langostinos ou as cunchas de mariscos do Nadal?
Si, trátase de restos orgánicos que se transforman no proceso da compostaxe. Cando os botes no composteiro, lembra cubrilos cunha capa de estruturante que atoparás nun caixón anexo.
6- Poden entrar ratos ou outros animais no interior dos composteiros?
Non, os composteiros do Plan Revitaliza están instalados de xeito que é imposible que ningún animal pase ao seu interior. A parte superior do composteiro está pechada por unha tapa que só se abre para que os veciños e veciñas fagan as achegas do lixo orgánico. Pola parte inferior tampouco é posible que entren animais, xa que o composteiro está colocado sobre unha malla con buratos de apenas un centímetro de luz, que si deixan pasar os microorganismos dende o solo, pero ningún tipo de roedor.
7- A compostaxe produce malos cheiros?
O proceso de descomposición dos restos orgánicos nos composteiros desprende un cheiro característico que lembra ao bosque húmido. Para evitar malos cheiros, é importante que se fagan ben as mesturas, empezando pola primeira fase, onde hai que cubrir ben os restos orgánicos cunha capa de estruturante. As mestras e mestres composteiros revisarán que todo o proceso se realice correctamente.
8- É necesario que os veciños reguemos o composteiro comunitario, como se fai co da casa?
Non, son as mestras e mestres composteiros os encargados de controlar que se manteña un determinado nivel de humidade necesaria para que se desenvolva ben o proceso. E son eles os que farán o rego, cando sexa preciso.
9- Pódense depositar restos de medicamentos naturais de herboristería?
Non, ningún medicamento, sexa cal sexa a súa procedencia, pode ser botado no composteiro. Os medicamentos deben ser entregados nas farmacias para introducilos no chamado Punto SIGRE.
10- Se podo botar papel de cociña no composteiro, entón tamén se pode depositar outro lixo de papel?
No composteiro pódense botar panos de cociña pero só se son brancos e non levan nin tintas nin cor. Outro tipo de papel debe ser depositado no colector azul, destinado a papel e cartón.
11- E se logo teño máis dúbidas, onde podo acudir?
Podes preguntar directamente á túa mestra ou mestre composteiro. Tamén podes resolver as túas dúbidas no teléfono 886 210 600 ou a través do correo electrónico: revitaliza@revitaliza.gal
Relacionadas:
-
Arranca a terceira edición da "facultade da compostaxe" para seleccionar 25 novos mestres composteiros
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas empresas catalanas, dúas madrileñas e unha navarra optan a subministrar os composteiros da Deputación
Por Redacción |
-
Os "amigos do estructurante" piden un aplauso para Mosquera
Por Oskar Viéitez |
-
Novo impulso á compostaxe en Vilaboa para situarse á vangarda europea en xestión de residuos
Por Diego Espiño |
-
"Compostar é un chanzo máis do que xa facemos co cartón e o plástico"
Por Noticia patrocinada |
-
"A compostaxe ten que ser unha aposta xeralizada. O futuro vai por aí"
Por Noticia patrocinada |
-
VÍDEO.- A frenética actividade das mestras e mestres composteiros
Por Noticia patrocinada |