Os socialistas piden melloras na conexión ferroviaria de Pontevedra con Vilagarcía, Ourense e Madrid
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSdeG-PSOE levará ao próximo pleno da corporación pontevedresa unha moción coa que pretenden que o Concello inste o Ministerio de Fomento e a Renfe a axustar os horarios dos trens que cobren o traxecto Ourense-Santiago cos rexionais e media distancia que enlazar Pontevedra con esa cidade.
A finalidade é que os viaxeiros que se despracen entre a Boa Vila e Ourense, e viceversa, poida facelo vía Compostela, realizando transbordos nesta cidade axustados e sen excesivas esperas. Entenden os socialistas que deste xeito se aproveitan e optimizan os servizos de ambas as liñas e acúrtanse os tempos de viaxe da actual conexión pola vella vía do Miño.
Ademais queren que o Concello solicite a Renfe que oferte bonos integrados entre Pontevedra e Ourense que permitan os desprazamentos entre ambas as cidades coa compra dun único bono.
O PSdeG tamén quere que se estude a demanda actual de desprazamentos por ferrocarril entre Pontevedra e Ourense co obxectivo de valorar a posta en marcha de servizos directos entre ambas as cidades, aproveitando o bypass que xa se está construíndo nas inmediacións de Santiago de Compostela, pendente só de electrificación para poder entrar en funcionamento.
A moción dos socialistas tamén pretende que se de cumprimento ao acordo adoptado neste mesmo mandato polo Concello de Pontevedra para variar, en tanto non estea operativa a variante de Cerdedo, o traxecto de dous Alvia que actualmente conectan a diario a cidade do Lérez con Madrid, de modo que o tramo entre Pontevedra e Ourense que actualmente se realiza pola vía do Miño se faga por Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela, acurtando así nunha hora a viaxe entre Pontevedra e Madrid.
Finalmente os concelleiros do PSdeG demandan por parte de Renfe que se incremente o espazo destinado a transporte de bicicletas nos trens que circulan por Galicia e, de maneira inmediata, permitir a reserva gratuíta de espazo destinado ás mesmas.
A moción tamén inclúe un segundo apartado no que se persegue que o Concello se dirixa á Xunta de Galicia para que integre o ferrocarril no Plan de Transporte Metropolitano da área de Pontevedra, tan pronto como este póñase en marcha, para os desprazamentos entre as estacións de Arcade, Pontevedra e Portela.
Unha vez que na área de Vilagarcía opere o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, previo acordo cos concellos afectados, pídese a Xunta que inclúa tamén os tramos de Pontevedra-Vilagarcía e Pontevedra-Vigo dentro do Plan, a fin de que os usuarios poidan realizar co seu cartón de transporte os desprazamentos entre estas tres cidades, beneficiándose da tarifa zonal e da correspondente redución de prezo sobre o billete actual.