As orixes de Agustín, Tino Fernández, mesturan Compostela, Salcedo e a Moureira. Nesta última, por rama materna, dunha mítica familia do barrio pontevedrés: os "pandeiretas". Naceu en Salcedo, estudou en escola unitaria e logo nun grupo escolar da parroquia. Desta etapa lembra a un profesor: ao ex alcalde Rivas Fontán, do que garda un cariñoso recordo. O que a educación une que non o separe a política.
A vinculación ao socialismo, vai no sangue, como lle dicía a súa nai. Coñece as reviravoltas da política municipal desde hai máis de dúas décadas. Un labirinto ao que entrou a través do sindicalismo. E este chegou ao final da súa carreira universitaria de Dereito. Vocación que tiña clara desde o Bacharelato.
Aqueles anos na capital galega, coincidíronlle coa efervescencia musical e cultural dos oitenta. Tino, non quedou á marxe daquel dinamismo xuvenil e recoñece que houbo algún curso en que non "recordo se ví o sol". Ten dous fillos: Agustín que vai para a actor e a benxamina, Alicia, que parece apuntar cara á Filoloxía.
En terreo deportivo segue sentindo as cores azulgranas se falamos de fútbol. Con todo no balonmán e co Teucro atópase coa "miña outra familia", di quen foi concelleiro de Deportes no concello pontevedrés nesta Playlist de PontevedraViva Radio.
A súa referencia musical é o "boss", Springsteen. Igualmente gústalle o guitarreo do rock sureño que lle chega moi dentro, tanto, que o seu desexo é que acompañe a súa despedida da vida terreal.