Chamamento aos pontevedreses para poñer fin ao vandalismo no monumento aos ciclistas falecidos
Por Redacción
O vandalismo volveu ao monumento en recordo dos ciclistas falecidos da avenida de Marín. A asociación Pedaladas denuncia que nas ultimas semanas rexistráronse diversos episodios de danos. O máis recente produciuse na madrugada deste luns e o conxunto escultórico amenceu con danos nas súas catro bicicletas.
Segundo informa Pedaladas, nesta ocasión, os vándalos arrincaron os amarres que permiten suxeitar as bicicletas ás estacas de madeira que lles fan de soporte. A continuación, arrastráronas e golpeáronas e a unha delas mesmo lle tentaron cortar a cadea instalada para evitar o seu roubo.
Ata este ano o monumento non sufrira danos, pero nos últimos meses acumúlanse. Pedaladas e o Concello de Pontevedra xa tivo que repoñer eses amarres en diversas ocasións no ultimo ano. Ademais, denuncian que tamén roubaron o guiador dunha bicicleta e o sillín doutra e en dúas ocasións tiráronas ao chan de forma intencionada. Un ladrón mesmo foi sorprendido in fraganti en pleno roubo neste punto.
Ante tal situación, Pedaladas fai un chamamento a todos os pontevedreses para que coiden e vixíen como propio este pequeno monumento en homenaxe aos ciclistas que morreron na estrada, José, Manuel, Cristóbal e Jorge.
Respecto diso, lembran que este monumento é un sinal que ten como obxectivos lembrar aos compañeiros que non están, mostrar aos condutores que usar un vehículo a motor leva moita responsabilidade e concienciar a toda a sociedade de que debemos implicarnos en que non teñamos máis victimas de sinistros viarios.
Relacionadas:
-
Políticos e ciclistas acordan demandar á Xunta a mellora da seguridade viaria na estrada N-550
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Sorprenden un individuo roubando pezas do monumento homenaxe aos ciclistas falecidos
Por Oskar Viéitez |
-
Multitudinaria pedalada para pedir unha vía peonil e ciclista segura entre Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga |
-
En bicicleta para reclamar máis seguridade para peóns e ciclistas na autovía de Marín
Por Redacción |