Ponte Caldelas repartirá en Nadal 5.000 euros en cheques de compra de alimentos
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas comezou a entregar os 50 cheques que ten previsto repartir entre familias en risco de exclusión social para prestarlles axuda durante as festas.
Trátase de cheques de 100 euros destinados á compra de alimentos e produtos de primeira necesidade para a hixiene persoal e doméstica.
A repartición realízase coa supervisión dos servizos sociais, que son os encargados de acreditar a situación de necesidade socioeconómica das familias solicitantes.
Os requisitos para poder acceder a esta axuda son estar empadroados e ser residentes no municipio, ademais de estar dentro do baremo económico municipal establecido para as axudas de emerxencia social.
Esta iniciativa inclúese na estratexia adoptada polo Concello para implementar diversas políticas sociais activas, como son tamén a subvención no servizo de abastecemento de auga a familias numerosas ou en risco de exclusión ou a eliminación do imposto de circulación para as persoas con discapacidade, ademais da supresión das taxas polo uso do pavillón municipal.