As oficinas de Turismo Rías Baixas de Pontevedra e Armenteira reeditan a súa 'Q' de calidade
Por Redacción
O Instituto para a Calidade Turística Española volve recoñecer a calidade dos servizos e a atención que se prestan nas oficinas de atención ao visitante que ten o organismo provincial Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza da cidade de Pontevedra e no Mosteiro da Armenteira, en Meis. Ambas as dúas instalacións renovaron o distintivo 'Q' de calidade.
Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra, organismo do que depende Turismo Rías Baixas, deu a coñecer este venres que outra das sedes do organismo se suma a esta lista. Conseguiu o distintivo de calidade por primeira vez a oficina de turismo do aeroporto de Peinador, en Vigo.
"Supón unha manifestación clara de que o esforzo que estamos a impulsar en materia de calidade ten a súa recompensa", valorou Carmela Silva, agradecendo o esforzo do persoal de Turismo Rías Baixas, pois supón un recoñecemento á aposta que se fixo pola profesionalidade e formación do plantel e a mellora da xestión das oficinas.
Estes distintivos son resultado dunha estrita auditoría que valorou a calidade das instalacións, o servizo de atención, acollida ao turista e a continua mellora dos medios técnicos e humanos das oficinas. A Deputación recolleraos no mes de xaneiro de 2018 durante a celebración da Feira Internacional de Turismo Fitur en Madrid.
En materia turística, Carmela Silva anunciou que o vindeiro martes 19 de decembro se presentará a todo o sector o Plan Estratéxico de Turismo elaborado durante os últimos meses.
Relacionadas:
-
A Deputación presenta o Plan Estratéxico de Turismo para o próximos tres anos
Por Oskar Viéitez |
-
As Rías Baixas rexistraron unha ocupación media do 50% durante a ponte da Constitución
Por Oskar Viéitez |
-
O plan estratéxico de Turismo estará aprobado en decembro para potenciar o sector
Por Redacción |