Acordo co Estado para comprar e rehabilitar a Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción
A Casa do Pobo de Corredoira será rehabilitada en 2018. Así o avanzou o presidente da xestora que dirixe Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tras acadar un principio de acordo para a compra deste inmoble con representantes da administración xeral do Estado.
Cubela mantivo un contacto en Madrid con José Antonio Quintanilla, responsable da xestión das propiedades e bens sindicais no Ministerio de Emprego, para abordar a operación e logrou un acordo malia que as partes teñen diferentes taxacións deste edificio, que foi incautado no seu día aos veciños da parroquia polo réxime franquista.
O Concello conta con valoracións de peritos que sitúan o actual prezo do inmoble entre os 12.000 e os 14.000 euros.
Cubela avanzou que o goberno municipal está disposto a ofertar esta última cifra para achegarse á solicitude estatal de 29.000 euros, pero considera que esta petición "está fóra de mercado e do valor real do edificio, que ademais supón unha carga para o Estado, xa que ten que mantelo sen darlle ningún uso".
Ademais, o presidente municipal recorda que a parroquia de Corredoira enmárcase na cualificación autonómica de zona pouco poboada, que supón, segundo as directrices da Xunta, que conta cun valor urbanístico máis reducido e que, porén, deben favorecerse todas as accións tendentes aos seu dinamismo poboacional, social e económico.
Con estas argumentacións, que agora serán referendadas cun informe que se remitirá antes de que remate o ano, Cubela ten case conseguido o acordo, que se pechará neste mes e se asinará no primeiro trimestre do ano tras a tramitación administrativa e o papeleo habitual nestes casos.
Ante esta situación, o rexedor anunciou que o goberno local vai habilitar unha partida de 40.000 euros para a rehabilitación desta Casa do Pobo nos orzamentos municipais 2018, polo que a titularidade municipal -e posterior cesión aos veciños- e o inicio das obras serán unha realidade no vindeiro ano.
Relacionadas:
-
A Casa do Pobo de Corredoira xa é de propiedade municipal
Por Redacción |
-
O Concello comprará terreos para construír un local social en Fentáns
Por Redacción |
-
Cubela presume da transparencia de Cerdedo-Cotobade na contratación de obras
Por Redacción |
-
Os veciños apoian mercar a Casa do Pobo de Corredoira a Patrimonio do Estado
Por Redacción |
-
Cotobade chega a un principio de acordo co Estado para comprar a Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción |