Pontevedra aproba sen sobresaltos un orzamento de 75 millóns para 2018
Non houbo sorpresas. A corporación municipal de Pontevedra aprobou este venres un orzamento de 75,1 millóns de euros para 2018. Fíxoo cos únicos votos a favor do goberno do BNG e grazas á abstención, xa anunciada previamente, de Marea e PSdeG-PSOE. Tanto Cidadáns como o Partido Popular criticaron as contas e votaron en contra.
Así, Pontevedra convértese -tras Vigo- na segunda gran cidade galega que aproba o seu orzamento. Fíxoo sen os sobresaltos de anos anteriores, tras aceptar o BNG as emendas presentadas por socialistas e Marea e garantirse, polo menos, a súa abstención.
Raimundo González, portavoz do BNG, agradeceu a actitude " construtiva" de ambos os partidos e defendeu que este orzamento foi "amplamente participado" e "responde as necesidades" de Pontevedra, apostando pola dinamización económica, un reequilibrio territorial entre o ámbito urbano e rural, e por políticas contra o cambio climático.
O edil nacionalista destacou, ademais, o carácter " investidor" destas contas que inclúen un gasto de 165 euros por habitante -diñeiro ao que se engadirán os fondos europeos-, o seu "elevado" contido social, a súa "solidariedade" con barrios e parroquias ou os seus ingresos "aquilatados" que inclúen a conxelación de taxas e impostos por cuarto ano consecutivo.
González defendeu un concello "saneado", coa "menor" débeda do últimos vinte anos, aínda que asegurou que a pesar diso "non imos durmirnos nos loureiros". Lamentou tamén o "sectarismo" e a "cerrazón ideolóxica" de Cidadáns e PP. Ao portavoz popular, dixo, veo "noqueado" e preguntouse se é polo seu futuro político.
Desde Marea, pola súa banda, Luís Rei reiterou que este orzamento é o dun goberno "en solitario", pero sinalou que "gústanos moito máis" que os de anos anteriores, especialmente pola "axenda social" que se mellorou tras as propostas do seu partido. Optaron pois por absterse tras contribuír a "facer mellor" o orzamento.
A abstención foi tamén defendida polo socialista Agustín Fernández ao apreciar a "flexibilidade" do BNG nas negociacións e porque "non queremos ser escusa" e se lles acuse de "torpedear" a xestión do goberno. Iso si, tendeu a man ao BNG para "explorar" este entendemento mutuo porque "estamos para axudar".
Con todo, Fernández criticou que certas prioridades do goberno son propios dun executivo de "centro-dereita" e lamentou que se manteña a privatización de servizos públicos, a presenza de directores xerais no organigrama municipal, o "excesivo" gasto en propaganda ou unha xestión social "que camiña cara a beneficiencia".
DURAS CRÍTICAS DE PP E CIDADÁNS
María Rey, concelleira de Cidadáns, sinalou que o seu voto ao orzamento era un "no con mayúsculas", ao ver as contas para 2018 " involucionistas" e "viejunas" xa que non achegan novidades desde o punto de vista económico e social. Acusou ao BNG de converter a Pontevedra nunha "aldea gala de subsistencia" e de non resolver as grandes carencias do rural.
O portavoz do PP, Jacobo Moreira, centrou as súas críticas en PSdeG-PSOE e Marea, aos que acusou de poñer unha "alfombra roja" ao BNG e de darlles "vía libre". Asegurou que estes "compañeros de viaje" demostran que estas contas veñen "decididas" desde Santiago e non teñen en conta as necesidades dos cidadáns de Pontevedra.
Xa centrado no orzamento, Moreira lamentou que reflicten o "pasado", xa que non inclúen obras novas, e teñen ao rural como o "gran perjudicado" ao reducirse todas as partidas destinadas ás parroquias. O BNG, dixo, aplicou un "black friday" ao rural pontevedrés e denunciou que os nacionalistas "lo fíen todo" aos fondos europeos.
O PP presentou unha emenda á totalidade, rexeitada por BNG, PSdeG-PSOE e Marea, para que o goberno deseñase un novo orzamento que "no antepongan los intereses de otro alcalde", xa que entende que Pontevedra "debe aspirar a recuperar su autogobierno" e que na cidade hai "margen" para baixar os impostos.
A anécdota do pleno produciuse durante a votación do orzamento. A voz de Carmela Silva, a presidenta da Deputación, coouse polo micrófono do alcalde a través do seu teléfono móbil. Entre as risas xeneralizadas da corporación, Miguel Anxo Fernández Lores bromeou que este descoido demostra o "fío directo" que ten co goberno provincial.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses deben 29 millóns de euros en impostos e taxas sen pagar
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, un concello con boa saúde económica que "cumpre escrupulosamente a lexislación"
Por Natalia Puga |
-
Marea Pontevedra solicita aumentar os prazos para pagar o IBI e a bonificación ás familias numerosas
Por Oskar Viéitez |
-
Marea confirma que se absterá no pleno de orzamentos
Por Redacción |
-
BNG, PSOE e Marea tumban a emenda do PP ao orzamento
Por Alejandro Espiño |
-
O PP critica a "deriva antisistema" do alcalde Fernández Lores
Por Oskar Viéitez |
-
O orzamento municipal de 2018 péchase en 75 millóns
Por Alejandro Espiño |