Susto en Benito Corbal ao incendiarse unha das luces de Nadal
Por Redacción & Diego Torrado
Un intenso cheiro a fume espertou todas as alarmas na rúa Benito Corbal, á primeira hora da noite deste xoves. Numerosas persoas alertaron aos servizos de emerxencia que, unha vez no lugar, comprobaron que a orixe do incidente eran as luces de Nadal.
Un curtocircuíto causou un pequeno incendio que, afortunadamente non foi a maiores. Tan só se viu afectada unha parte dun dos arcos situados na rúa, nas inmediacións da antiga delegación da Xunta de Galicia.
Unha dotación dos bombeiros de Pontevedra desprazouse ata o lugar para revisar a instalación e comprobar o seu estado. Para iso, empregaron un camión escaleira.
A intervención obrigou á Policía Local a interromper o tráfico na zona de maneira temporal.
Tras atender o incidente, a rúa reabriuse con normalidade. As luces afectadas serán repostas nas próximas horas.