Detido por romperlle tres dentes a un mozo ás portas de 'Tropicana'
Por Natalia Puga
Un home de 31 anos veciño de Marín foi detido e posto a diposición xudicial por supostamente romperlle tres dentes a outro no transcurso dunha pelexa as portas da discoteca 'Tropicana'.
O detido, natural de Marrocos, ten antecedente policiais e está acusado dun delito de lesións. A suposta vítima tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Montecelo para ser atendido das feridas sufridas: perda de pezas dentais e erosións nunha man.
Os feitos sucederon, segundo informou a Policía Nacional de Pontevedra, na madrugada do sábado 13 de abril. Unha patrulla que realizaba funcións de prevención da seguridade cidadá foron requiridos nas inmediacións da rúa Benito Corbal por algúns viandantes que os alertaron dunha pelexa na zona.
Os axentes observaron dous individuos no chan pelexándose, ademais doutras persoas tratando de separalos. Interviñeron inmediatamente, se ben ambos os dous individuos presentaban unha actitude violenta.
Segundo descubriron os policías, a pelexa iniciárase entre eles sen motivo aparente. Un dos agresores propinoulle un puñazo ao outro sen mediar palabra polo que tivo que defenderse. Como consecuencia da agresión, sufriu a fractura de tres pezas dentais, sangrando abundantemente pola boca.