Sanxenxo pecha toda posibilidade de legalización das obras da discoteca Vanity
Por Redacción
As obras de acondicionamento da discoteca Vanity de Portonovo foron ilegais e o Concello non as legalizará. Determinouno a Xerencia Municipal de Urbanismo na súa última reunión, e en cumprimento dunha sentenza de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tendo en conta tamén que o local ten incoado un expediente de reposición da legalidade urbanística.
En concreto, Urbanismo acaba de denegar a solicitude de licenza de legalización das obras de acondicionamento da discoteca Vanity, situada no número 1 da avenida de Pontevedra, en Portonovo. A petición, cursada pola mercantil Libélula S.L., conta cos informes desfavorables tanto do arquitecto técnico municipal coma do asesor xurídico adscrito a este organismo.
Os traballos acometidos consistiron na demolición completa do local, baleirando na súa totalidade e eliminando a tabiquería e divisións interiores que impedían o seu uso como discoteca, labores que o artigo 103.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, cualifica de incompatibles coas construcións e edificacións que, como esta, se encontren en situación de fóra de ordenación, nas que só se poderían autorizar obras de mera conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente.
Os promotores pretendían unir os antigos locais Cigarra e Barlovento
A intención inicial dos promotores deste establecemento era a de unir os baixos dos antigos locais Cigarra e Barlovento para albergar unha discoteca que abranguería a totalidade da superficie útil de ambos os dous edificios. No seu día, o Concello desestimou esta pretensión e concedeu só en outubro de 2008 as obras do Cigarra.
Tras iso, un veciño de Portonovo demandou conxuntamente a Libélula S.L., promotora do establecemento, e ao Concello por outorgar a licenza de actividade. En febreiro de 2011, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra desestimou este recurso.
O recorrente apelou ante o TSXG, que estimou o recurso presentado e deixou sen efecto a sentenza que, en primeira instancia, avalou proceder do ente local. En execución deste fallo, o pasado mes de abril, a Xerencia Municipal de Urbanismo clausurou a actividade desta discoteca, acción que se completa coa denegación da licenza de legalización e a incoación dun expediente de reposición da legalidade polas obras realizadas.