Canda di que quen debe dimitir é Vaqueiro "polas súas continuas mentiras e faltas á verdade"
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, volveu tachar de "mentireiro" ao portavoz do PSdeG-PSOE neste concello, Enrique Vaqueiro, e asegurou que "quen debe dimitir é el polas súas continuas mentiras e faltas á verdade", en referencia ao comunicado feito este martes polo socialista asegurando que o rexedor debía deixar o seu cargo como membro da corporación.
Jorge Canda asegurou que "non sabe o que di e é un auténtico manipulador. Eu o que dixen, e manteño, é que si non se arranxaba a estrada PO-235 implicaría que non me pudera volver presentar ás eleccións e dixen que non cría que o PP quixera faltar á súa palabra. E así é".
O alcalde asegura que "está enfadado porque, en lugar de alegrarse porque a Xunta anuncie xa a licitación da primeira fase desa obra para antes de que remate o ano, prefiren enredar buscando aquello de canto peor mellor para os seus intereses electoralistas, pero para os cidadáns que son quen se benefician desta obra".
O rexedor lembrou aos cidadáns que o Diario Oficial de Galicia publicou a licitación da primeira fase da mellora na estrada PO-235, entre Antas e Seixido, cun orzamento de case 600.000 euros, coa finalidade de iniciala no primeiro trimestre de 2018. Paralelamente, a Xunta avanza na redacción do proxecto da segunda fase das obras, que permitirá completar o acondicionamento da estrada mediante un investimento de 1,5 millóns de euros
Ante isto, o alcalde da Lama asegura que non hai máis discusión e instou o portavoz socialista a "tomar el da súa propia mediciña e dimitir. Eu dixen sempre que non me presentaría se non se lle daba unha solución á estrada e en breve comezarán as obras".
"Vai dimitir Vaqueiro tras anunciar el a bombo e platillo, e por carta aos veciños hai xa moitos meses, a terminación da estrada da Deputación de Barbeira a Caroi, que aínda non empezou?", pregunta o rexedor municipal ao portavoz socialista.