"Lavado de cara" para o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral en 2018
Por Alejandro Espiño
Vinte anos despois da súa inauguración, o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral de Pontevedra vivirán en 2018 un profundo "lavado de cara". O goberno municipal ultima unha actuación de mantemento que, visualmente, será moito máis notable na fachada dos dous inmobles.
O Concello pretende así darlle lustre ao principal lugar de celebración de eventos culturais, congresos e feiras da cidade. Recoñecen que estas tarefas de mantemento son "necesarias" para, entre outras cuestións, limpar a pedra da fachada, repoñer as pezas que están rotas e retirar o brión e a vexetación que creceu nos seus muros.
Estes traballos darán continuidade a unha obra que, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, era "moi necesaria": a renovación do pavimento do aparcadoiro do Recinto Feiral.
Nesta mellora, que executa a empresa EC Casas, invístense 240.000 euros e estará concluída antes de que finalice este ano, se as condicións climatolóxicas permíteno.
"Persoalmente era un tema que tiña metido na cabeza", recoñece o alcalde, xa que entende que o seu aspecto actual "daba unha imaxe espantosa"
A obra permitiu eliminar as molestas fochancas que había no aparcadoiro e, ademais, procederase ao pintado das prazas para "aproveitar todo o espazo".
"Persoalmente era un tema que tiña metido na cabeza", recoñece o alcalde, xa que entende que o seu aspecto actual "daba unha imaxe espantosa".
Fernández Lores explicou que, a maiores, esta actuación permite mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria dun ámbito urbano cun notable tránsito peonil, xa que os centros educativos da zona e a actividade do Pazo e o Recinto " moven moita xente".
Así, ampliouse a beirarrúa que linda co aparcadoiro e, do outro lado, construiranse " orellas" nas inmediacións dos pasos de peóns para unha maior seguridade dos alumnos que estudan na Xunqueira.