O Concello tallará as árbores danadas polo temporal no paseo de Lourido
Por Redacción
O edil de Medio Ambiente do Concello de Poio, Xosé Anxo Lodeiro, anunciou que nas próximas datas vaise proceder á talla das árbores afectadas polo temporal Ana no paseo litoral de Lourido, na Avenida da Praia.
Tras a visita e informe dos técnicos do Concello á zona afectada, observouse a necesidade de corta de varios exemplares de pino manso que se encontran no paseo da praia de Lourido.
Cos fortes ventos do último temporal algún das árbores que se sitúan no arenal da praia de Lourido foron derrubados, mentres que os que se sitúan no paseo sufriron rotura de polas e inclinación dalgúns troncos, chegando incluso a levantar o firme existente, co conseguinte perigo de caída ante vindeiras inclemencias meteorolóxicas.
Durante o tempo que duren os traballos de corta e apeo das árbores, procederase a restrinxir o paso dos usuarios polo paseo da praia na zona afectada polos traballos.
Con estas actuacións, o Concello pretende garantir a seguridade dos veciños da zona e asegurar o estado da masa arbóreo existente.