BNG, PSOE e Marea tumban a emenda do PP ao orzamento
Por Alejandro Espiño
Cos votos en contra do BNG, PSdeG-PSOE e Marea, a emenda á totalidade que presentou o PP ao orzamento municipal de 2018 foi rexeitada. Só Cidadáns apoiou o rexeitamento dos populares ás contas do próximo ano.
Este era o último trámite administrativo antes de que o orzamento se aprobe no pleno da corporación, algo que sucederá o vindeiro venres. O proxecto foi ditaminado favorablemente na comisión de Economía, grazas á abstención de socialistas e Marea.
Raimundo González, responsable da facenda local, lamentou que o orzamento municipal non constitúa unha "prioridade" para PP e Cidadáns. A ambos, o BNG ofreceulles "unha serie de reunións" para negociar as contas. María Rey "se negou" e os populares "viñeron á primeira e nada máis", explicou o edil nacionalista.
Nin un nin outro "fixeron nada para emendar ou mellorar" o orzamento de 2018, asegurou González, que criticou as seis emendas presentadas por Cidadáns por ser "contraditorias" e a proposta do PP por ser "xenérica" e repetir o discurso "rancio e casposo" do seu portavoz, Jacobo Moreira, "máis propio doutros tempos".
Pola súa banda, o edil do PP Rafael Domínguez asegurou que o seu partido incluíu un voto particular para que, a pesar do rexeitamento da comisión, a súa emenda á totalidade poida ser votada no pleno.
Domínguez criticou en todo caso o "seguidismo" de PSOE e Marea para "facilitar" a aprobación do orzamento, unha postura que achaca a unha "debilidade interna" no caso dos primeiros e a unha "presión de Santiago" ao partido que lidera Luís Rei.
Relacionadas:
-
Pontevedra aproba sen sobresaltos un orzamento de 75 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea confirma que se absterá no pleno de orzamentos
Por Redacción |
-
O PP critica a "deriva antisistema" do alcalde Fernández Lores
Por Oskar Viéitez |
-
O orzamento municipal de 2018 péchase en 75 millóns
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra presenta ao BNG unha batería de propostas dirixidas aos barrios e ao rural
Por Oskar Viéitez |