Máis seguridade peonil para o ámbito do IES Torrente Ballester
Por Alejandro Espiño
Un total de 241.349 euros. É o prezo de licitación polo que sae a contratación o proxecto para a mellora da mobilidade e seguridade peonil no ámbito do IES Torrente Ballester. A obra terá un prazo de execución de catro meses.
A actuación ten como obxectivo mellorar a mobilidade peonil na zona, acadar un espazo público de calidade e potenciar o acceso peonil ao aparcadoiro disuasorio próximo ao centro de ensino.
As obras previstas afectan ás rúas Herminia Fariña Cobián, Pintor Virxilio Blanco, Pintor Manuel Colmeiro, Bibiano Fernández-Osorio Tafall e Pintor Urbano Lugrís.
Os cruzamentos da rúa serán elevados, a un único nivel, a modo dunha pseudopraza, o que dará aire a zona. O obxectivo é que sexan os vehículos os que teñan que salvar o desnivel existente en vez dos peóns. En resumo, sacarase o trafico de paso cara o borde do barrio e restrinxirase a circulación ao tráfico de necesidade.
En todo o ámbito ampliaranse as beirarrúas. No caso de Herminia Fariña obrigarán a deixar un único carril de circulación (de saída) no primeiro tramo que vai dende a avenida de Vigo á rúa Pintor Manuel Colmeiro. No segundo, ata a rúa Pintor Virxilio Blanco, quedará de dobre sentido.