A Xunta revisará integramente a pasarela de madeira do paseo da Lanzada
Por Oskar Viéitez
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou que a Xunta revisará integramente a estrutura da pasarela de madeira da Lanzada, en Sanxenxo, para garantir a súa estabilidade despois de que os fortes refachos de vento volveran a estragalo. Xa en febreiro pasado, en plenas obras, outro temporal causou danos similares.
Francisco Menéndez xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisou este luns os danos causados polo temporal nun tramo desta senda da estrada PO-308. O temporal levantou un treito duns 30 metros da pasarela executada o ano pasado na parroquia de Noalla. Segundo a Xunta os ventos alcanzaron os 130 quilómetros por hora nesta zona.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas indicou que o goberno galego inspeccionará todo o tramo de senda que se construíu en madeira para determinar as medidas a adoptar co fin de reforzar esta área. Concretou que tamén se retirarán as partes danadas co fin de blindar a seguridade.
Francisco Menéndez salientou que as medidas adoptadas o ano pasado para garantir a estabilidade doutro treito da infraestrutura foron efectivas, xa que esa parte da pasarela non se viu afectada polo temporal. Non obstante, puntualizou que a revisión establecerá se son precisos reforzos adicionais.
Menéndez lembrou que esta área está afectada por proteccións de costas e naturais, polo que as medidas a fixar cómpre que sexan axeitadas dende os puntos de vista ambiental e paisaxístico.
Relacionadas:
-
A Xunta renuncia á madeira para o arranxo da pasarela en Noalla
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta resposta ás críticas dos ciclistas defendendo a "mellora da seguridade" na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Unha tromba mariña esnaquiza o paseo da Lanzada e obriga a desaloxar o colexio de Noalla
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
As brigadas da Deputación resolveron máis de medio cento de incidencias en apenas 12 horas
Por Oskar Viéitez |
-
O temporal levanta o paseo de madeira da Lanzada
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas e na Lama
Por Redacción |