O día despois da borrasca Ana: "Llevo sobre 50 años aquí y nunca vimos una inundación tan rápida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O caudal do río Verdugo apenas levantaba uns centímetros do chan o sábado ao seu paso polo centro urbano de Ponte Caldelas. Este domingo chegou a desbordar en varios puntos. Este luns pasa cheo a rebordar a pesar de que as choivas xa son moito menos intensas. O crecemento foi é espectacular e, ademais, supón todo un récord. Fernando, veciño deste municipio desde hai 50 anos, asegura que nunca viu nada igual.
"Yo llevo sobre 50 años aquí y nunca vimos una cosa tan rápida como esto", explica en relación coa inundación que sufriu na súa propiedade o domingo. A súa casa está situada a moi poucos metros do río, só separada por unha estrada, e nunca antes vira que o río desbordase, cruzase a estrada e chegase ao seu xardín en tan pouco tempo.
Afortunadamente, o desbordamento non lle causou danos nin chegou ao interior da vivenda, situada nun alto da leira, pero as imaxes que relata son "tremendas", pois constata que o Verdugo pasou "de estar el río viéndoles las piedras y, de medianoche a mediodía, estaba todo inundado". Foi cuestión de horas e el puido saír da súa propiedade porque ten un segundo acceso, pola zona superior ou "si no tendría que salir en barco".
O alcalde, Andrés Diaz, fixo públicos este domingo os datos deste crecemento. O Verdugo baixaba a última hora cun caudad dos 180.421 litros por segundo. O xoves, ía a tan só 800 litros por segundo. As cifras de precipitacións recollidas por Meteogalicia e polo portal web 4Gotas profundan nesta choiva intensa rexistrada ao pouso da borrasca Ana. En Ponte Caldelas recolléronse o domingo, en 24 horas, 177 litros de auga por metro cadrado.
A forza da borrasca non desmereció en lugares como o veciño municipio da Lama. Segundo 4Gotas, neste municipio recolléronse o domingo 232 litros por metro cadrado. Supoñen, de forma provisional, "un novo récord de precipitación acumulada en 24 horas en Galicia", superando, tres décadas despois, os 218 litros por metro cudrado rexistrados en outubro de 1987 no aeroporto de Santiago de Compostela.
Tampouco en Cerdedo-Cotobade quedaron atrás. Este luns, o día despois no que xa toca facer balance, Juan Carlos e Marta, dous veciños da parroquia de Aguasantas deste municipio pontevedrés, explican: "Yo nunca vi tanta lluvia, y eso que aquí llueve muchísimo, pero tanto como ayer, nunca".
Este luns decidiron percorrer cos seus dous cans a zona do río Verdugo que desbordou en Ponte Caldelas, asombrados polos efectos da borrasca e aínda asustados polo vivido a noite anterior. "No salimos ni para sacar a los perros", explican, pois nin sequera os animais estaban dispostos a pisar o exterior.
"Pensamos que nos iba a tirar los cristales abajo", explican, pois na súa casa a auga caía "como mares", o vento sopraba sen tregua e a luz íase e viña. A súa casa está preparada, pero non se estrañarían de que moitos veciños da contorna sufrisen danos nas súas propiedades.
Precisamente, en Cerdedo-Cotobade o Concello indicou que atendeu máis de 80 de incidencias e emerxencias, pero o seu balance é que superou sen danos graves os efectos da borrasca. Os principais efectos foron árbores caídas en moitos puntos das estradas do municipio, pequenas afeccións ao tendido eléctrico e algúns derrubamentos de rochas e outros materiais. Este luns, pasado o peor, todas as vías están operativas e abertas ao tráfico, segundo informou o alcalde, Jorge Cubela, logo de percorrer as zonas máis afectadas.
Este luns, superado o peor de 'Ana', tamén hai quen aproveita para facer o que se deu por bautizar, na época das redes sociais, turismo de catástrofes. Ata Ponte Caldelas achegouse, por exemplo, un veciño de Sanxenxo que, móbil en man, recoñece: "vengo hasta aquí solo para mirar el agua como viene".
Relacionadas:
-
Un día para asegurar o que puxo en perigo a borrasca Ana
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Consellería do Mar, pendente da posible chegada de cinza á desembocadura do río Verdugo
Por Redacción |
-
Despois de Ana, continuarán as chuvias febles nas Rías Baixas ata o sábado
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas e na Lama
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O temporal provoca danos e asolagamentos en diferentes puntos de Pontevedra
Por Diego Torrado | Creada e actualizada