Comisións Obreiras pide unha reestruturación do Príncipe Felipe para acoller a máis menores
Por Anxo Lourido
Comisións Obreiras (CC. OO.) trasladou este luns a desconfianza que existe entre o persoal da Cidade Infantil Príncipe Felipe despois de que a deputada responsable deste centro, Eva Vilaverde, anunciase que non continuará activa a Unidade de Primeira Acollida (UPA) na que se acollían menores cun perfil violento que derivaba a Xunta ás instalacións de Pontevedra.
José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de CC. OO. indica que nin sequera o director do centro comunicou oficialmente aos traballadores esta decisión e non se contou con eles para a negociación do convenio entre a Deputación e a Xunta.
Tamén se pregunta se ese convenio se vai cumprir e se efectivamente os informes dos técnicos da Deputación serán vinculantes para os ingresos e baixas de menores na Cidade Infantil.
O representante sindical aproveitou para reclamar unha reestruturación na Cidade Infantil agora que se elimina este servizo e demanda unha residencia para alumnos maiores no espazo que queda libre; un Centro de Semana para menores con problemas de adaptación ou un centro de vida independente, para evitar que os menores retornen con familias en dificultades e terminen delinquindo ou sendo destinados á mendicidade.
Neste sentido lembrou que existe un espazo baleiro nun piso desocupado en San Antoniño pertencente á Deputación que podería albergar a 12 menores.
O Príncipe Felipe ten prazas para ata 260 menores. Destas prazas o 34% corresponden á Consellería de Familia. Ante estes datos, Piñero lamenta que a Xunta só achegue 730.000 euros anuais fronte aos 10 millóns que inviste a Deputación. O secretario comarcal indicaba que a cifra que correspondería achegar á Xunta debería superar os dous millóns de euros.
Por este motivo, o sindicato reclama un convenio de colaboración que non estea "pechado en falso" e que ofreza solucións para os menores. Desde CC.OO. indícase que se vai a gastar a mesma cantidade de diñeiro cando só se atenderá ao 45% dos nenos que poderían atenderse na Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Relacionadas:
-
O PP defenderá na Deputación o mantemento da Unidade de Primeira Acollida no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores do Príncipe Felipe reclaman a continuidade do Centro de Primeira Acollida
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pecha a Unidade de Primeira Acollida da cidade infantil Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |