SOS Sanidade Pública tamén pedirá na Deputación a retirada da modificación da Lei Galega de Saúde
Por Redacción
A plataforma SOS Sanidade Pública formalizou este xoves a primeira das súas accións reivindicativas en relación coa modificación da Lei Galega de Saúde. Tal e como anunciara, presentou por rexistro no Concello de Pontevedra a moción tipo que pide que se debata no pleno da Corporación pedindo que se traslade á Xunta de Galicia a retirada desa modificación.
"A partir de aquí, no resto dos concellos farán o mesmo, nos imaxinamos", indicou o presidente da Federación Castelao e portavoz de SOS en Pontevedra, Juan Loureiro, en alusión a que a súa intención é que estas mocións cheguen a todos os municipios da provincia.
Loureiro acudiu ao rexistro municipal acompañado por integrantes da plataforma como Víctor Pedreira, Anxo Rincón, David Carballal, Ramón Vidal ou Carmen Moreira e anunciou que tamén levarán a mesma moción á Deputación Provincial.
Segundo deu a coñecer, cónstalles que tamén chegarán a municipios doutras provincias a través das distintas agrupacións de SOS Sanidade Pública. Todas as mocións buscan o mesmo obxectivo, a retirada do anteproxecto de modificación da Lei Galega de Saúde e que se desenvolva a propia lei, aprobada no ano 2008 e non chegou a aplicarse a pesar de que " é a que nos vale a todos" e ninguén pediu que se cambiase.
Os integrantes deste colectivo insisten en que esta modificación da lei supón aplicar recortes no sistema público de saúde en favor da sanidade privada.
A plataforma levará a moción para que se debata nas corporacións ao longo deste mes de decembro e ten previsto levar a cabo unha gran manifestación a finais de xaneiro de 2018 en Santiago de Compostela.