O cambio de nome do colexio Salvador Moreno chegará ao Congreso
Por Redacción
Segue a dar coletazos a polémica suscitada días atrás cando o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, afirmou que el seguía a chamar Salvador Moreno á rúa pontevedresa que foi rebautizada hai 15 anos como Rosalía de Castro. Nesta ocasión, En Marea anunciou que se suma ás peticións para o cambio de nome do colexio situado nesa rúa e que segue chamándose Salvador Moreno.
O concelleiro de Patrimonio histórico de Pontevedra e deputado autonómico, Luís Bará, deu a coñecer a semana pasada que o grupo municipal do BNG levará ao próximo pleno da corporación de Pontevedra a petición ao Goberno para que cambie o nome do colexio. A voceira de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, fará o propio, pero no Congreso dos Deputados.
Segundo anunciou En Marea este mércores, Yolanda Díaz rexistrou unha pregunta ao goberno sobre o incumprimento da Lei de Memoria Histórica na que destaca o colexio Salvador Moreno de Pontevedra. Ademais, insiste en que, fronte á "saudade" que sente Mariano Rajoy de que a rúa leve ese nome, Marea Pontevedra maniféstase orgullosa de que o nome de Rosalía de Castro ocupe o seu lugar.
A iniciativa de En Marea argumenta que a nostalxia de Rajoy "non vulnera a lei", pero si que o fai a existencia dun colexio de educación primaria e secundaria que leva o nome dun militar golpista, de aí a súa petición, que tamén busca "liberar a nosa cidade de militares e ministros franquistas que tanto defende Rajoy".
A parlamentaria de En Marea lembra que en xullo de 1936 Salvador Moreno, capitán de fragata, realizou actos terroristas contra a legalidade constitucional, e a man armada apoderouse no arsenal de Ferrol dun cruceiro da Armada que puxo a dispor dos militares que se alzaron contra o goberno lexítimo da República.
Moreno desde o primeiro momento formara parte en Galicia da trama político-militar que preparou o golpe militar e que, despois do seu triunfo por métodos violentos, levou á morte por fusilamento de numerosos mariñeiros e oficiais leais ao goberno republicano e mesmo do almirante Azarola, comandante xeral da Mariña no territorio galego.
Polas súas actuacións ao mando de buques franquistas foron bombardeados tanto portos como poboación civil do Cantábrico e de Andalucía e realizou capturas de buques en alta mar que produciron novas execucións e condenas a morte en ilegais consellos de guerra. Condecorado polo ditador por estas actuacións e ascendido a almirante, o xeneral Franco nomeouno, en dúas etapas, ministro de Mariña da ditadura.
Relacionadas:
-
Reclaman que a Xunta asuma o colexio Salvador Moreno e cambie o seu nome "franquista"
Por Redacción |
-
O goberno de Rajoy manterá o nome do colexio Salvador Moreno a pesar das queixas de En Marea
Por Redacción |
-
O BNG de Marín propón unha praza adicada a Carmen Pesqueira "A Capirota"
Por Redacción |
-
Censuran a Rajoy por unha defensa de Salvador Moreno que o PP ve como "chascarrillo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Para o BNG é "moi grave" que Rajoy "exalte" a Salvador Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy: "No sé por qué le han quitado la calle a Salvador Moreno. Yo la sigo llamando así"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada