O Supremo absolve o construtor das planadoras do clan de Vázquez Roma
Por Redacción
Dous das dezaoito persoas que foron condenadas pola Audiencia de Pontevedra, como integrantes do clan do narcotraficante pontevedrés Ramiro Vázquez Roma, viron como o Tribunal Supremo modificou as penas impostas no seu día.
O único beneficiado é o construtor das dúas planadoras coas que os homes de Vázquez Roma tentaron introducir, en outubro de 2007, 2.500 quilos de cocaína a través das praias de Mourisca (Bueu) e Meloxo (O Grove).
Os maxistrados do Supremo anulan a súa condena a dez anos de cárcere. O único "indicio" que ven acerca da súa presunta participación no transporte da droga é que no seu estaleiro constrúense embarcacións que "poderían" dedicarse a tal delito.
Tal razoamento, segundo a sentenza, implicaría que a "práctica totalidade" de estaleiros que constrúan embarcacións semirríxidas como as planadoras estarían "baixo sospeita" cada vez que se desbarate unha operación contra o narcotráfico.
Engaden que a "estreita" colaboración ou amizade entre Vázquez Roma e este construtor "tampouco é un indicio sólido", nin aínda que lle expuxese a posibilidade de adquirir xuntos outro estaleiro.
O Supremo tamén modifica a pena contra outro dos 18 acusados por esta operación, frustrada no seu día polas forzas e corpos de seguridade do Estado, e auméntaa de dous a cinco anos de cárcere, ao consideralo autor dos feitos e non cómplice.
Este home, reza a sentenza, aceptou figurar como propietario adquirente das dúas embarcacións que ían ser utilizadas para o alixo da droga.
O Tribunal Supremo, pola súa banda, confirma a condena de once anos de prisión para Ramiro Vázquez Roma como máximo responsable dunha rede dedicada ao tráfico de drogas cuxos integrantes foron detidos na denominada Operación Piraña e mantén unha multa de 301 millóns de euros polos delitos de tráfico de drogas e branqueo de capitais.
Xunto a el, foran condenadas outras dezasete persoas, ás que se lles impuxeron penas que sumaban máis de 80 anos de prisión -entre seis meses e 10 anos para cada un deles- e multas que no seu conxunto chegaban aos 2.853 millóns de euros.
Relacionadas:
-
O narcotraficante Ramiro Vázquez Roma, condenado a once anos de prisión
Por Redacción |
-
O fiscal modificará a petición de penas e multas a parte do clan do narco Vázquez Roma
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Fiscalía e as defensas negocian un acordo tras a confesión do clan Roma
Por Oskar Viéitez |
-
Vázquez Roma asegura estar arrepentido e confesa un transporte de tres toneladas de cocaína
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |