"A compostaxe ten que ser unha aposta xeralizada. O futuro vai por aí"
Pepe e Marisa teñen dende hai máis dun ano un composteiro individual na horta da súa casa en Vilaboa. Aseguran que decidiron apostar pola compostaxe por unha cuestión ambiental, porque pensan que o futuro debe ir por esa vía para tratar o lixo, e aplauden a iniciativa do Concello de Vilaboa e da Deputación de Pontevedra de poñer a andar o Plan Revitaliza. Agora pode dicirse que son uns expertos na compostaxe. Nunha conversa con eles demostran que compostar non dá traballo ningún, non orixina molestias e supón un beneficio para todos: "é tan sinxelo como querer", aseguran.
Chega un día e deciden non tirar máis o seu lixo orgánico ao colector verde e optan por compostar. Por que?
PEPE: Nós estabamos interesados pola compostaxe dende hai tempo. Pero cóstache comezar. Tiñamos visto composteiros por internet, o tema de compostar con lombrices, pero non sabiamos como... Un día lin no xornal que a Deputación estaba a traballar no tema e que se estaban a repartir composteiros. Fomos ao Concello a preguntar e alí explicáronnos que se ía facer unha reunión. Preguntáronme se quería apuntarne e dixen que si. Disto hai máis dun ano.
MARISA: Naquela reunión non había composteiros para todos, e nós entramos na segunta volta, tivemos que agardar...
A motivación para participar na compostaxe é ambiental?
PEPE: Home claro. O cambio climático aí esta.
MARISA: Aí o temos.
PEPE: Nós aos fillos intentámoslles inculcar que o cambio climático é un feito. O que facemos nós é un gran de area en medio do mar, pero nós contribuímos na nosa pequena parte. Que o concello se sume a unha iniciativa como a da Deputación é moi positivo, porque aínda que o noso sexa un gran de area, gústanos que despois haxa unha palada, despois un cubo, despois un tractor... Ten que ser unha aposta xeralizada porque o futuro vai por aí.
Que dificultade supón compostar na casa?
PEPE: Ningunha. Nada de dificultade.
MARISA: Nós temos un caldeiro debaixo do fregadeiro para o orgánico e outro caldeiro para os plásticos. A medida que imos enchendo a bolsa do orgánico levámola ao composteiro en lugar de ao colector. Esa é a única diferenza. Logo a bolsa vai aos plásticos no colector amarelo. Tamén separamos o cartón, que se gasta pouco, e as botellas. Ademais, temos o que se leva ao colector verde, pero iso vai cada dúas semanas, porque son cousas do baño -produtos de hixiene da avoa- ou de varrer. Ás veces incluso pasa máis tempo para levalo.
Colaboran todos na casa?
PEPE: O volume de lixo na casa é bastante. Eramos cinco. Agora a filla está na universidade e o rapaz acaba de independizarse hai un mes, pero ven todos os días a comer, así que tamén contribúe. Menos a avoa, que é maior e hai que estar pendente dela, os demais contribuímos todos. Home... O crío incluso quería traer o lixo de Pontevedra para aquí.
MARISA: Quería incluso traer o vidro e os plásticos e nós preguntámoslle... pero ti non tes colectores para botalo onde vives? El está en Monte Porreiro, onde levan tempo instalados os composteiros comunitarios, e nós dixémoslle que aínda que non fose ao composteiro comunitario co lixo orgánico, o vidro e mais o cartón pódeo deixar en Pontevedra.
Pensan que a concienciación de separar e reciclar é xeral?
MARISA: Moito problema é a comodidade. Pero non só para a xente nova. Hai xente no rural que sega o céspede e bótao no colector verde... Aquí pasa, nunha aldea, e o céspede descomponse só. Como pode a xente botar o céspede no colector? Hai veces que está a tope!
PEPE: Aos críos cústalles. Por moita educación que haxa nos colexios, non chega. Non hai cultura en xeral de reciclar e aproveitar, e nas aldeas, peor. Iso de separar, de ir alá abaixo a botar o lixo separado. O de separar... Pensan que por un plástico que non vaia ao seu sitio non pasa nada.
Vostedes necesitaron moita formación e persoal técnico para compostar?
MARISA: É bo que haxa persoal técnico para asesorar, porque moitas veces nós estamos a compostar dunha maneira e non é así. Eles danche consellos sobre a mellor maneira de facer as cousas, ou se aparece algún problema... Que non hai vermes, que hai vermes, que hai algún cheiro... Pois nós falamos e preguntamos nas reunións que fixemos na escola. Alí unha veciña explicaba que lle apareceran moscas... É bo facer unha xuntanza cando en vez para expoñer os problemas que temos cada un, as nosas experiencias para mellorar... Pero se as cousas se fan ben non ten que haber problemas.
PEPE: O importante do asesoramento e do soporte técnico é que estea aí sobre todo no inicio, cando comezas a facelo. Eu agora vou case todos os días ao composteiro, témolo na horta e é case paso obrigatorio, e é unha cousa que non dá traballo nin molestia ningunha.
Vostedes son conscientes do custe real que supón a xestión do lixo para os concellos?
PEPE: A taxa en Vilaboa vén compartida con outros conceptos, e son uns 50 euros ao ano... O que nos dixo o concelleiro nunha reunión que tivemos é que absorbe case o que se recada polos coches e demais impostos. É unha pasada.
Pois cada tonelada de lixo, por recollida e tratamento, custa unha media de entre 180-190 euros na provincia...
[Silencio]
MARISA: Iso é unha pasta.
PEPE: Pois aquí temos un bo servicio. Eu recoñézoo. Temos un moi bo servizo, polo menos en Vilaboa. O colector verde antes era de recollida todos os días... Todos os días. E estaba aí o colector e estaba sempre desbordado, con cousas polo chan. Agora recollen todo. Calquera cousa que deixas, recóllena. É unha marabilla.
MARISA: Pero tamén é cuestión da xente. Aínda hoxe fomos dar un paseo e atopamos cousas tiradas por aí. O triste de todo isto é que como veña a Policía Autonómica ou Medio Ambiente, a persoa dona da finca vai ser denunciada e pagará unha multa. Había ata unha alambrada alí enroscada que debía ser a cerca dalgún sitio... E plantárona alí.
Cren que a compostaxe realmente compensa como modelo de xestión do lixo?
MARISA: Claro que si. Polo que falamos de conciencia ambiental, de que permitiría recoller menos veces o colector verde...
PEPE: Si. Na cidade igual non é tan viable porque non hai onde poñer o composteiro privado ou comunitario. Ao mellor no centro non é tan posible. Pero nun concello como Vilaboa, que é moi aldea, creo que si.
Pensan que os veciños colaborarán cando se implante en Vilaboa?
PEPE: Hai unha fórmula. Pagar. Ou ben se diminúe a taxa ao que fai a compostaxe, ou ben se incrementa ao veciño ou veciña que non a fai. Que o pague. Como queres facer? Pagar? Pois se agora pagas 50, pagarás 150. Que non tes? Pois composta. Creo que non entendemos doutra maneira. E nós estamos orgullosos de que Vilaboa sexa un concello pioneiro na provincia en aplicar isto. Claro que si. Sabemos que pagar temos que pagar, porque o colector verde e os demais tamén os utilizamos. Temos que pagar algo. É normal. Pero hai que ir á fórmula de que pague máis quen non colabore.
Que lle dirían á xente que só ve problemas na compostaxe? Moscas, cheiros, animais...
PEPE: Que se hai algún problema son cousas solucionables. Son pequenas cousas.
MARISA: Pois si, que se tes algún problema é algo pasaxeiro, será uns días, pero nada máis.
PEPE: Pero se hai moscas só é no verán e soluciónase tan fácil como botándolle un pouco de seco. Pouco a pouco vas descubrindo que facer e vas preguntando. Non é máis.
Xa tiveron o seu primeiro compost?
PEPE: O ano pasado xa tivemos. E fixémolo dunha forma. Este ano fixémolo doutra intentando melloralo e sacándoo máis selecto, máis peneirado, máis finiño. O anterior tiña uns anacos máis grosos. Agora peneirámolo. Non é que sexamos expertos, pero imos mellorando... E utilizámolo na nosa horta. Non creo que haxa moita diferenza en como medran as plantas porque todo o mundo bota abono...
MARISA: Pero estamos contentos e satisfeitos coa iniciativa porque cando plantamos utilizamos o noso compost.
Queda todo na casa, pois? Os produtos da casa con compost da casa! Un claro exemplo de economía circular...
MARISA: Si, é verdade. Todo feito na casa. Os produtos da horta e o compost para abonar.
PEPE: Estas cousas... É tan sinxelo como querer. Ter vontade. Se tes a vontade de facelo e o fas con cariño o traballo non é ningún. É como outra cousa calquera: varrer a cociña dá traballo. Pero a compostaxe non dá traballo, non leva tanto tempo.
Relacionadas:
-
O PP critica que Pontevedra estea a "tirar cos cartos" en alugar terreos sen uso na Canicouva
Por Redacción |
-
Que fai unha mestra metida nun composteiro? Velaquí a resposta
Por Noticia patrocinada |
-
"Compostar é un chanzo máis do que xa facemos co cartón e o plástico"
Por Noticia patrocinada |
-
A Deputación acorda con Amigos da Terra o control dos composteiros individuais de Vilaboa
Por Redacción |
-
Empeza a conta atrás para que os concellos se adhiran ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A frenética actividade das mestras e mestres composteiros
Por Noticia patrocinada |
-
VÍDEO.- Tes dúbidas sobre a compostaxe? A mestra composteira responde
Por Noticia patrocinada |