A oficina de Smartpeme en Pontevedra leva atendidas 150 empresas da cidade no que vai de ano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance dos resultados e funcionamento da oficina de SmartPeme na capital da provincia que leva atendido, no 2017, a 150 empresas da cidade.
Carmela Silva visitou este luns as instalacións de SmartPeme en Pontevedra acompañada do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e salientou a relevancia desta iniciativa que se "ten convertido nun instrumento fundamental" na provincia para poñer a disposición dos empresarios "formación, asesoramento e información sobre as ferramentas TIC para aumentar o seu rendemento, a súa produtividade, os seus beneficios, a súa eficacia e eficiencia" e ata o seu número de empregados.
Silva adiantou que o goberno provincial vai seguir destinando recursos a este proxecto que, no caso da oficiana de Pontevedra, ao longo do 2017 realizou 437 asesoramentos sobre novas tecnoloxías, o que supón un crecemento do 9% con respecto ao ano 2016. Amais, a información e formación chegou a 150 empresas da cidade de Pontevedra, creáronse 79 novas contas e realizáronse 48 obradoiros de formación.
Como mostra dos traballos realizados por SmartPeme en Pontevedra, a presidenta da Deputación deu a coñecer o traballo desenvolvido coas empresas de María José Rodríguez e Magdala Taller Textil, asesoradas pola oficina da capital.
O primeiro caso ten que ver coa exitosa promoción do libro "Por amor a ti, meu fillo", que trata sobre as violencias machistas. A súa autora, María José Rodríguez, recibiu asesoramento de SmartPeme para desenvolver a páxina web e a presenza en redes sociais para promover os eventos de promoción do libro así como interactuar coas seguidoras e seguidores.
No caso de Magdala Taller Textil, trátase dun obradoiro textil de Bueu formado por mulleres que recibiu asesoramento de SmartPeme en materia de posicionamento SEO, para poñer en marcha a súa páxina web, a tenda online e redes sociais e, hoxe, está a vender os seus produtos en todo o territorio español.
En liñas xerais, as oficinas de SmartPeme na provincia de Pontevedra aumentaron en preto dun 50% tanto o número de asesoramentos como a formación a través de obradoiros e accións formativas. Así, dende xullo de 2016 e xullo de 2017, 3.266 profesionais adquiriron novas habilidades no ámbito TIC a través de SmartPeme o que supón un incremento do 45,5% con respecto ao período anterior.
Amais, este ano a Deputación de Pontevedra puxo en marcha importantes novidades en canto ao catálogo de servizos de SmartPeme, dende un asesoramento telemático para dar acceso a formación a persoas con dificultade para poder acceder á formación e ao asesoramento presencial; ata SmartPeme Informa, que analiza os temas de actualidade que van xurdindo no mundo TIC para distribuílo entre as persoas que forman parte do proxecto; SmartPeme Conecta, que permite relacionar a novas emprendedoras e emprendedores con empresas que se dedican ás novas tecnoloxías ou o kit do emprendedor ou da emprendedora, que se trata dun paquete de solucións TIC para persoas emprendedoras.
A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que de cara ao ano que vén "imos presentar unha carteira de servizos para o sector turístico e novas temáticas de obradoiros, así como seguir apostando polas persoas emprendedoras do coworking de Barro-Meis e polos almorzos de networking tan necesarios para relacionar ao empresariado".
Ademais, SmartPeme tamén traballará no 2018 pola captación de novos colectivos, como as cooperativas, e para impulsar un plan para potenciar as TIC no comercio minorista.
Relacionadas:
-
Remata a primeira edición do coworking de Barro
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle este mes de marzo oito novos obradoiros do programa "Smartpeme"
Por Redacción |
-
KPMG xestionará o programa SmartPeme 2018
Por Redacción |
-
SmartPeme incorporará unha carteira de servizos para o sector turístico
Por Oskar Viéitez |
-
832 persoas asistiron aos cursos de formación en novas tecnoloxías da Deputación
Por Redacción |