O Concello renovará o sistema de comunicación de Policía Local e Bombeiros
Por Alejandro Espiño
Case 390.000 euros investirá o Concello de Pontevedra nun novo sistema de comunicación para a Policía Local e os Bombeiros. Así o anunciou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
Esta iniciativa permitirá "modernizar" o actual sistema e melloralo de forma notable. Actualmente, é unha empresa privada a que presta este servizo.
O sinal é dixital pero os terminais e receptores son aínda analóxicos. Convive ademais co sistema PMR propiedade do Concello que é "totalmente" analóxico.
A partir de agora, todo dependerá do concello e será un sistema dixital. Impulsarase unha rede municipal de comunicacións coa compra de novos terminais, estacións e o software necesario para a súa posta en marcha.
A empresa que subministre todo este material terá catro meses de prazo para que o servizo quede totalmente operativo.
O Concello solicitará tamén unha frecuencia para poder emitir o sinal unha vez implantado o novo sistema e colocaranse antenas en Santa María de Xeve, A Canicouva, Mourente, o edificio das Torres e A Tomba para "corrixir" as zonas de sombra e que haxa cobertura en todo o municipio.
O sistema PMR actual manterase, segundo Raimundo González, para utilizalo na coordinación de eventos deportivos.