Sufocan un incendio no tellado dunha casa en Cuntis
Por Redacción
Voluntarios de Protección Civil de Cuntis sufocaron na tarde deste sábado un incendio declarado no tellado dunha casa prefabricada na zona de Anllada. O lume xerou danos materiais e deixou un oco de dous metros no tellado.
Segundo informaron efectivos da agrupación de voluntarios, eles recibiron a chamada ao redor das tres da tarde e estaban próximos ao lugar, de modo que tardaron pouco en chegar á casa afectada, o número 31 de Anllada.
Unha vez no lugar, comprobaron que saía fume do tellado e sufocaron as lapas coa axuda da mangueira que tiña a familia propietaria. A continuación tamén se desprazaron ao lugar os bombeiros e o GES da Estrada.
Protección Civil explicou que se trata dunha casa prefabricada de formigón e o lume orixinouse nunha das vigas do tellado. Segundo os primeiros indicios, a cheminea acesa quentou a viga, había un transformador de sinal de televisión que se derritió, produciuse un curtocircuíto e xerouse lume na madeira.
O lume foi moi aparatoso, xerando fume por toda a vivenda, pero tan só causou danos no tellado. Os voluntarios retiraron as tellas para evitar máis incidentes e taparon o oco que quedou aberto cunha lona para axudar a mitigar o frío ata que se repare a incidencia.