A Policía Nacional reactiva os certificados dixitais dos DNI expedidos a partir de abril de 2015
Por Redacción
A Policía Nacional reactivou a funcionalidade dos certificados electrónicos de todos os documentos nacionais de identidade (DNI) electrónicos, desde o soporte ASG160001 en diante.
Un fallo de seguridade obrigara a suspender, a primeiros de novembro, os certificados dixitais dos DNI que foran expedidos desde abril de 2015, despois de que unha universidade checa houbese sinalado que o chip podería verse afectado por un ataque informático organizado.
A Policía Nacional indica que aqueles cidadáns que o necesiten poderán actualizalos ou renovalos nos Puntos de Actualización do DNI (PAD) que existen en todas as oficinas de documentación de españois, sen necesidade de cita previa.
O DNI, ademais de proporcionar certificados de autenticación e de firma electrónica, é o principal documento de referencia para a identificación persoal en calquera trámite administrativo, mercantil ou privado. Ademais é un documento de viaxe válida na totalidade dos países da Unión Europea.