Pedaladas alega ao proxecto da PO-308 por non conter medidas de seguridade viaria para ciclista
Por Oskar Viéitez
O colectivo Pedaladas ven de presentar alegacións ao proxecto de reforma da estrada PO-308 "por non conter medidas de seguridade viaria para ciclistas" a pesar de ser unha ruta habitual.
Entre outras cuestións sinalan que no proxecto deseñado pola Xunta faise uso de balizas (bolardos verdes) e captafaros "o cal é perigoso para as bicicletas", din tamén que o deseño elixido non toma medidas de acougado de tráfico nin cumpre a normativa de accesibilidade, e reduce de forma notoria as beiravías transitables o cal fai que as bicicletas se vexan obrigadas a circular polos carris co risco de alcance.
A PO-308 é unha das estradas da provincia con maior tránsito de usuarios de bicicleta en deporte, mobilidade e turismo ao comunicar Pontevedra coa península do Grove e nalgúns tramos presenta as características propias dunha estrada cando o aumento de poboación e o desenvolvemento urbanístico a converteron nun tramo eminentemente urbano.
Pedaladas pide que se adecúe o proxecto á accesibilidade universal, que se limite a velocidade máxima a 50 quilómetros por hora nos tramos onde vai ser legal estacionar e non exista beiravía transitable.
Engaden na súa petición que se establezan medias de acougado de tráfico como lombos, semáforos ou rotondas, e se sinale a presencia de ciclistas e a obriga de adiantar coa separación mínima de metro e medio xa que a PO-308 é unha vía protexida para ciclistas da Dirección Xeral de Tráfico.
Relacionadas:
-
Piden unha mellora da seguridade viaria no acceso a Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Xunta resposta ás críticas dos ciclistas defendendo a "mellora da seguridade" na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE leva ao Parlamento a denuncia de inseguridade viaria na PO-308 e as demandas de Pedaladas
Por Redacción |
-
Políticos e ciclistas acordan demandar á Xunta a mellora da seguridade viaria na estrada N-550
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Catro días de actividades para a asemblea nacional de ConBici que se celebrará en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pedalada familiar para reclamar unha nova vía ciclista na cidade tras dous anos sen crearse ningunha
Por Diego Torrado & Redacción |