E con decembro, acendeuse o Nadal
Por Mónica Patxot
Este venres, coincidindo coa chegada do mes de decembro, a concelleira de Festas e alcaldesa accidental de Pontevedra, Carme da Silva, acendeu tamén o Nadal en Pontevedra. O xesto concreto foi o de inaugurar o alumeado instalado polo Concello na praza da Ferrería, pero, como cada ano, supón xa a estrea da nova época festiva na cidade do Lérez.
Como xa vén sendo tradicional, o acendido das luces de Nadal converteuse nunha festa na Ferrería, que este ano estivo amenizada polo grupo Pel-e-Pau. O conxunto musical elixiu para a ocasión panxoliñas tradicionais galegas e, mentres puñan son ao Nadal na praza, Carme da Silva procedeu á inaguración das luces.
A árbore instalada no medio da praza foi o centro de atención das ducias de persoas presentes, en especial dos máis pequenos, que adoitan quedar abraiados cando ven por primeira vez o Nadal pontevedrés alumeado. Ademais da árbore, que este ano aposta por unha combinación de varias cores, tamén se inaguraron este venres as luces das árbores da contorna da praza e dos xardíns de Casto Sampedro.
Ao longo dos vindeiros días irase realizando o acendido gradual dos arcos de luces instalados por toda a cidade e nos barrios de Monte Porreiro e Estribela. Non hai un cómputo exacto da cantidade de rúas e prazas con alumeado específico, pois algunhas rúas corren a cargo do Concello e outras dos comerciantes. As asociacións Aempe e CCU Zona Monumental colaboran, un ano máis, para dar luz ás festas.
O alumeado de Nadal, a base de luces LED de baixo consumo e última xeración, estará acendido ata o próximo 7 de xaneiro en horario de 18.00 a 01.00 horas agás os días 24 e 31 de decembro, que estará acesa ata a madrugada.
Relacionadas:
-
Tras a polémica, A Ferrería renova o alumeado de Nadal
Por Redacción |
-
Pontevedra prepárase para 'nadalear'
Por Diego Espiño |
-
A iluminación do Nadal "non cumpre as expectativas" e provoca unha queixa oficial do Concello
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra iluminará o seu Nadal o 1 de decembro
Por Redacción |
-
Pontevedra pon a árbore de Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
A cidade de Pontevedra dá a benvida ao Nadal este venres co acendido da iluminación
Por Mónica Patxot |