Os traballadores da Xustiza en Pontevedra, os que máis secundan a primeira xornada de folga
Por Natalia Puga
A folga convocada por todos os sindicatos do sector da Xustiza en Galicia para a xornada deste venres resultou todo un "éxito rotundo" de convocatoria en toda a comunidade, cun seguimento especialmente destacado en Pontevedra. A porcentaxe media de seguimento do paro na provincia situouse no 95%, con cifras aínda máis elevadas en localidades como Marín.
Segundo as cifras facilitadas polos sindicatos, o seguimento alcanzou o 100% dos traballadores dos xulgados de Marín, Porriño, Cangas e A Estrada e o 95% en Pontevedra cidade e Caldas de Reis. En Cambados chegou ao 98% e en Vilagarcía ao 90%. En xeral, as cifras satisfán aos convocantes, SPJ-USO, CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO, pois non descenden do 85% en ningún partido xudicial pontevedrés e en toda a comunidade tan só en Lugo quedou no 60%.
Estaban chamados á folga todos os traballadores do sector da Xustiza excepto xuíces, fiscais e secretarios xudiciais. Con este masivo seguimento conseguiuse que moitos xulgados tivesen que permanecer pechados.
En en caso de Pontevedra capital, hai 280 funcionarios, do que tan só acudiron a traballar 23 e aqueles que estaban chamados para os servizos mínimos. Non funcionaron os tres xulgados do Contencioso-Administrativo, un de instrución, outro de primeira instancia, o servizo común de notificacións ou o decanato dos xulgados da Parda.
"Estanse cubrindo os servizos mínimos, pero a xente involucrouse moitísimo nesta folga", valorou Enrique Araújo Martínez, portavoz do comité de folga de Pontevedra. Támbién obtivo un apoio maioritario a concentración convocada ás 12.00 horas deste venres ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.
Á vista do resultado das mobilizacións, os sete sindicatos convocantes confían en que "isto faga recapacitar á Xunta" e senten a negociar con eles "dunha vez". Móstranse especialmente molestos coa actitude do vicepresidente da Xunta e responsable da Consellería de Xustiza, Alfonso Rueda, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, a quen este venres dedicaron algúns dos carteis que sacaron á rúa.
"O que houbo ata agora foron palabras na prensa baleiras totalmente, Rueda saiu dicindo que nos iamos sentar a negociar, ata hoxe non temos absolutamente ningunha proposta, ningunha convocatoria de negociación", critica Enrique Araújo, que agora confía en que a masiva participación na folga derive nunha convocatoria de negociación en firme.
No caso de que sigan sen negociacións, continuarán adiante coa convocatoria dunha segunda xornada de folga o próximo 13 de decembro e unha folga indefinida a finais de xaneiro.
Os sindicatos reclaman cinco cuestiones que consideran "indispensables para un bo funcionamento da administración de xustiza": negociación dun incremento do CAT (Complemento Transitorio) con respecto ás comunidades autónomas que teñen as transferencias en xustiza, pois cobran 200 euros menos da media das autonomías; non á discriminación sanitaria nos descontos por IT; que se pare a amortización de 106 prazas; que se pague os 100% aos traballadores substitutos; e que se consoliden as prazas de reforzo de máis de 3 anos.
Relacionadas:
-
Novas cámaras e sistemas de gravación reforzan a seguridade dos xulgados de Caldas
Por Redacción |
-
Os sindicatos estiman que a folga na xustiza afectará a uns 150 actos procesais na cidade
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- "A Xustiza está en loita porque a Xunta non escoita"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Traballadores xudiciais da Parda e a Audiencia inician un calendario de protestas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |