Cidadáns levará ao Congreso a necesidade dunha nova comisaría en Pontevedra
Por Natalia Puga
Cidadáns levará ao Congreso dos Deputados a necesidade de mellorar os medios materiais e humanos cos que conta a Policía Nacional en toda Galicia centrándose en dúas demandas en concreto que ve fundamentais e que afectan de cheo a Pontevedra, a construción de novas comisarías na cidade do Lérez e en Lugo.
No caso de Pontevedra, trátase dunha vella reivindicación dos distintos sindicatos policiais que xa foron trasladada en reiteradas ocasións á Administración Xeral do Estado en reunións ao longo dos últimos anos. Nesta ocasión, o secretario xeral do grupo parlamentario de Cidadáns no Congreso, Miguel Ángel Gutiérrez, anunciou que ao longo das próximas semanas presentará diferentes iniciativas na Cámara Baixa reivindicándoa.
Miguel Ángel Gutiérrez anunciou estas iniciativas este venres tras manter unha reunión na Casa da Luz de Pontevedra con representantes do sindicato Unión Federal de Policía (UFP) en Galicia, entre eles, o máximo responsable autonómico e cargos das catro provincias. Asistiron á reunión as portavoces local e autonómica de Cidadáns, María Rey e Olga Louzao.
Segundo explicou, a nova Comisaría de Pontevedra, como a de Lugo, é necesaria para resolver as "carencias" da Policía Nacional, pero tamén reivindicará no Congreso que se cren en ambas as localidades unidades de intervención policial específicas, "que asisten al resto de la policía en determinadas actuaciones".
As comisarías da Policía Nacional en Galicia teñen, en xeral, condicións "bastante mejorables" cunha falta de xestión "flagrante" que afecta tamén a instalacións, vehículos e o material co que traballan os axentes. A situación é resultado de que "tanto los gobiernos del PP como del PSOE" teñan "desatendido" as necesidades dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante as últimas lexislaturas.
Outra das cuestións mellorables é a situación da muller na Policía Nacional e a Garda Civil, pois a falta de chalecos de protección é unha situación que hai que liquidar en xeral, pero, en especial, no caso das mulleres, pois carecen destas pezas adaptadas. Ademais, "la igualdad no está bien trabajada desde la Administración" e danse situacións como as de embarazadas que "se las sienta en una silla durante todo el proceso y no pueden desarrollar ningún trabajo". "Esto no es de recibo en el siglo XXI. Creemos que hay que avanzar en la igualdad", engade.
Gutiérrez tamén reiterou en Pontevedra o "compromiso absoluto" do seu partido para que os Orzamentos Xerais do Estado de 2018 senten as bases para iniciar o camiño da equiparación salarial dos axentes da Policía Nacional e a Garda Civil cos axentes das policías autonómicas de comunidades como País Vasco ou Cataluña, que chegan a cobrar de base 600 euros máis. Trátase dunha reivindicación "justa" que, ao seu xuízo, "demanda toda la sociedad".
Relacionadas:
-
Policías e gardas civís recollen firmas pola igualdade salarial con outros corpos
Por |
-
VÍDEO.- Policías piden en Pontevedra medidas urxentes para frear o "acoso" e "persecución" que sofren en Cataluña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
UFP advirte que a Comisaría ten un déficit de persoal do 20% e repercute na seguridade cidadá
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |