As militares da Brilat, profesoras de español en Afganistán
Por Redacción
O continxente da Brilat que se encontra despregado en Afganistán dende o pasado outono non se irá sen deixar pegada. A misión ASPFOR XXXII que lidera a Brigada con sede en Figueirido non só está tendo un papel decisivo no repregamento das tropas españolas do país, senón que tamén realiza outras taras de contacto directo coa poboación. Unha delas é ensinar español.
O equipo de interacción con mulleres co que conta as tropas españolas no equipo de reconstrución provincial de Badghis comezou nas últimas semanas as clases de español no instituto feminino de Qala e Now, que se imparten ás alumnas do instituto durante todo o curso escolar.
Estas clases serven, tanto para difundir a lingua castelá en Afganistán coma para ampliar as relacións do compoñente militar coa poboación afgá. Segundo explica o Ejércto de Tierra, dado o carácter da sociedade afgá, esta interacción non é doada, polo que son unha oportunidade máis para poder gañar a súa confianza; as clases véñense impartindo dende que o primeiro continxente español chegou a Qala e Naw, en verán de 2005, tendo unha grande aceptación.
Á parte do idioma, as alumnas aproveitan para coñecer os nosos costumes e como viven as mulleres españolas. As mulleres en Afganistán, como en calquera sociedade, teñen moita influencia dentro do ámbito familiar e recoñécenselles uns valores para a mediación e a conciliación. Detrás da iniciativa das clases de español está a convicción de que se se podía falar coas mulleres estas falarían co resto da poboación.
A dificultade para desenvolver esta idea é que, tal e como está conformada a sociedade afgá, as mulleres só poden dirixirse aos homes dentro do seu ámbito familiar. A solución é que unha muller fale con outra muller e así xurdiu a idea dos equipos interacción con mulleres.
Estes equipos foron creados polo Corpo de Marines de Estados Unidos en febreiro de 2009. O propósito, era levar a cabo actividades de divulgación sobre a metade da poboación ata agora ignorada, as mulleres afgás. Da confianza xerada, ao entaboar unha relación coas mulleres, conséguese o achegamento a unha posible fonte de información útil en labores de contrainsurxencia. Ademais, proporcionan ás mulleres información relevante para elas e os seus fillos sobre temas de saúde, sobre proxectos de desenvolvemento ou mesmo sobre os seus propios dereitos.
Ademais de axudar a proporcionar información sobre as estruturas familiares e as relacións entre os seus compoñentes, obtense información sobre as necesidades e problemas dos pobos. Tras os anos de experiencia cos equipos de interacción con mulleres, a ISAF ten o convencemento de que as mulleres afgás influirán nos seus familiares varóns para apoiar o Goberno afgán; e tamén contribúen ao éxito da misión asignada ás unidades operativas na súa zona de acción.