Rajoy: "No sé por qué le han quitado la calle a Salvador Moreno. Yo la sigo llamando así"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Hai quince anos o nome de Salvador Moreno desapareceu do rueiro de Pontevedra. Debido aos seus vínculos coa ditadura franquista, a corporación municipal aprobou cambiar a súa denominación e homenaxear a Rosalía de Castro. Pero hai quen, a día de hoxe, prefire o seu antigo nome. Un deles é o presidente do Goberno, Mariano Rajoy.
Así o recoñeceu o propio Rajoy en Costa do Marfil, país africano ao que acudiu para participar no quinto cume Unión Africana-Unión Europea.
Alí, aproveitou para visitar o patrulleiro de altura Infanta Cristina, destinado á zona desde o pasado mes de agosto para percorrer varios países do Golfo de Guinea, en tarefas de adestramento e cooperación relacionadas, entre outras cuestións, con cuestións de piratería, inmigración ilegal ou narcotráfico.
Na súa intervención, a modo de anécdota, lembrou que viviu moitos anos preto da Escola Naval de Marín. Referíase a Pontevedra, na rúa que entón se coñecía como Salvador Moreno. E foi nesa alusión cando reflexionou sobre o seu cambio de denominación.
"No sé por qué quitaron la calle. He vivido allí muchos años y le sigo llamando así", sinalou o presidente do Goberno, mostrando desconformidade con esa decisión á que, xa no seu día, opuxéronse os concelleiros do Partido Popular.
Salvador Moreno, o home que deu nome á rúa na que viviu Rajoy na súa infancia, foi un almirante que chegou a ser ministro da Mariña durante a ditadura de Francisco Franco. A retirada do rueiro pontevedrés, aprobada por BNG e PSOE, produciuse anos antes de que se aprobase a lei de memoria histórica que obrigase a retirar esta denominación.
Daquela, a retirada estivo motivada pola relación do almirante co levantamento militar do 36 e a represión que se produciu naquela etapa. Xunto a Salvador Moreno tamén perderon a súa rúa Calvo Sotelo, Paco Leis, Vázquez Lescaille e Bernardino Fondevila.
CRÍTICAS DO PSOE
Ao fío destas declaracións, a deputada do PSdeG-PSOE Concepción Burgo asegurou que é "gravísimo" que o presidente dun país "que viviu 40 anos de ditadura por culpa dun atallo de golpistas", entre os que se atopaba Salvador Moreno, "non queira recordar quen foron".
Advertiu que "lamentablemente" Rajoy e o PP están a demostrar un día tras outro "onde están realmente ao esquecer deliberadamente o pasado franquista ou con feitos como defender a xestión do Pazo de Meirás pola Fundación Franco".
Apuntou que este "descoñecemento" do presidente do Goberno supón "no mellor dos casos unha mostra de incultura, ou ben unha imprudente falta de sensibilidade".
Relacionadas:
-
Reclaman que a Xunta asuma o colexio Salvador Moreno e cambie o seu nome "franquista"
Por Redacción |
-
O BNG de Marín propón unha praza adicada a Carmen Pesqueira "A Capirota"
Por Redacción |
-
Censuran a Rajoy por unha defensa de Salvador Moreno que o PP ve como "chascarrillo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un libro de Rosalía, agasallo de Reis para que Rajoy "entenda" por que "un golpista" quedou sen rúa
Por Redacción |
-
Rajoy celebra o aninovo na Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción |
-
O cambio de nome do colexio Salvador Moreno chegará ao Congreso
Por Redacción |
-
Para o BNG é "moi grave" que Rajoy "exalte" a Salvador Moreno
Por Alejandro Espiño |