O aumento do prezo do SAF obriga a "resetear" os prazos de licitación
Por Alejandro Espiño
Ata mediados de xaneiro terán de prazo, a partir de agora, as empresas que opten ao novo contrato para o servizo de axuda no fogar (SAF) de Pontevedra. O Concello decidiu " resetear" o proceso de licitación, ao aceptar aumentar o prezo do contrato como solicitaran varias das compañías interesadas e o propio comité de empresa.
Inicialmente marcábase un prezo de 14,25 euros máis IVE por cada hora de atención domiciliaria e, tras atender esta petición, quedará fixado en 14,75 euros máis IVE. Será o prezo vixente para os catro anos de contrato máis o adicional que figura como prórroga.
Así, o SAF terá un custo anual de case 1.424.000 euros. Iso permitirá, segundo Raimundo González, que as traballadoras teñan unha maior marxe para negociar as súas condicións laborais coa empresa que resulte adxudicataria deste servizo.
Ademais, tamén se reduce o tamaño do local que se lle esixía ás empresas. Pasará de 200 a 100 metros cadrados como mínimo. Esta medida non ten repercusión para os usuarios, xa que estes son atendidos no seu propio domicilio e non nas oficinas da empresa.
O servizo actual non se verá afectado por este atraso. Actualmente está vixente un contrato de seis meses coa empresa Idades e, segundo o goberno municipal, o proceso de licitación concluirá en "febreiro ou marzo".
OUTRAS CONTRATACIÓNS
Raimundo González informou tamén doutros procesos de contratación que puxo en marcha o Concello de Pontevedra.
En concreto, o goberno municipal realizará cinco obras de drenaxe e rehabilitación de firmes no rural, valoradas no seu conxunto en case 720.000 euros.
Reformarase os viarios entre Cochón e Cabaleiro e entre Barragáns e Casaldomendo (Campañó), o camiño da Fontaíña (Lérez) e a estrada entre Touceda e Pontecabras e entre A Devesa e Reiriz (Alba). Todas terán un prazo de execución de catro meses.
Ademais, abríronse as ofertas para a rehabilitación do centro social de Estribela, que saíu a licitación por 545.000 euros. Presentáronse 15 empresas e, nos próximos días, procederase a seleccionar a mellor oferta.
Relacionadas:
-
Tres empresas optan ao contrato municipal do Servizo de Axuda no Fogar
Por Oskar Viéitez |
-
A empresa Idades asume o servizo de axuda no fogar ata o novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pedirá explicacións sobre a polémica do Servizo de Axuda no Fogar nunha comisión extraordinaria
Por Natalia Puga |
-
CC.OO acusa a Clece de "manipular" as súas traballadoras para "atacar" o Concello e sacar proveito
Por Redacción |
-
O Concello garante a continuidade do servizo de axuda no fogar a usuarios e traballadores
Por Oskar Viéitez |