O pavimento da área peonil de Barcelos renovarase na primavera
Por Alejandro Espiño
Tras comprobar o mal estado no que se atopa, o goberno municipal ordenou cambiar o pavimento da área peonil da praza de Barcelos, onde se situaron as canchas deportivas ao aire libre.
A actuación parte dunha petición de Cidadáns, que hai unhas semanas alertaba das gretas que presentaba o chan de todo este ámbito urbano.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou que a empresa pontevedresa que fixo este traballo estivo estudando que é o que fallou e os motivos polos que o pavimento deteriorouse tan rápido.
A solución implicará colocar un novo pavimento que, nas probas realizadas, funciona "realmente ben", segundo o edil do BNG. Non se poderá aplicar, en todo caso, ata marzo porque "para garantir que vai a quedar ben" necesítase unha temperatura mínima de 10 graos durante todo o proceso de instalación do pavimento.
COMISION DE MOBILIDADE
Ademais, a comisión de mobilidade ditaminou positivamente a moción de Marea para soterrar o transformador eléctrico de Monte Porreiro. Só o BNG abstívose. Segundo Demetrio Gómez, non se opoñen a esta iniciativa pero optan por estudar "o que se pode facer aí" para non demorar máis a actuación pendente para soterrar as liñas de alta tensión.
Durante a comisión, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, responsables de Obras e Parques e Xardíns, presentaron senllos informes coas actuacións en marcha desde as súas concellerías para coñecemento dos edís da corporación. Tamén se informou sobre as reunións mantidas con veciños e comerciantes de varias zonas da cidade.