Os viños de Rías Baixas reconvértense en 'viño celta' para aumentar as súas vendas en Irlanda
Por Redacción
Irlanda é un mercado estratéxico para a D.O. Rías Baixas. Ocupa actualmente a oitava posición nas exportacións desta denominación. Pero a intención das adegas é aumentar o seu peso no volume de negocio total. Segundo o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, hai grandes posibilidades de negocio "ao poder potenciarse como un viño celta nun país cun alto consumo per cápita de viño".
Foi unha das conclusións do seminario El mercado de Vinos en Irlanda, ao que asistiron 18 adegas. Todas elas tiveron ocasión de catar os dous viños brancos máis vendidos na restauración e nos supermercados de Irlanda. Deste xeito, puideron coñecer de primeira man cales son os puntos fortes e débiles da súa competencia no mercado irlandés.
Izaskun Zurbitu, analista de mercado da Oficina Económica e Comercial en Dublín, invitou ás adegas asistentes a explotar "o concepto de viño celta, que vincula a Irlanda con Galicia, que ademais de ter moita relevancia para os irlandeses, Rías Baixas é a única denominación de orixe que pode presumir de ter un viño celta".
Tendo en conta que Irlanda é un país moi pequeno, duns cinco millóns de habitantes, Izaskun Zurbitu destacou que "xunto con Porto Rico e Noruega, Irlanda sitúase na cabeza no consumo de viños de Rías Baixas per cápita, cunha media de 2 litros por 100 habitantes ao ano.".
Os viños españois en Irlanda conseguiron facerse un oco importante alcanzando unha cota de mercado do 10,5 %. E os viños de Rías Baixas experimentaron un crecemento dun 85% nos últimos cinco anos en Irlanda. A sumiller irlandesa Lisa O'Doherty aventurou que "moitos prescriptores están convencidos das posibilidades de que os viños de Rías Baixas poidan converterse na nova uva branca da que falar os próximos anos".
PRODUTOS DIFERENCIADOS
Aínda que a traxectoria mostra que en Irlanda os viños de alta graduación eran sinónimo de calidade, a tendencia está cambiando. A experiencia demostra que as adegas que teñen un produto de boa relación calidade-prezo e diferenciado cunha etiqueta atractiva, finalmente acaban situándose no mercado irlandés. A D.O. Rías Baixas deberá aproveitar fortalezas como o incremento do consumo de viño por copa, a súa boa relación calidade-prezo nos supermercados e as grandes posibilidades de maridaxe destes viños.
"ÿ bo que se fagan recomendacións de maridaxe dos viños coa gastronomía, pois existe un coñecemento limitado do viño, aínda que hai moito interese por este produto", admitiu Lisa O'Doherty, quen recordou ás adegas que estas características fai que "o tapón de rosca sexa moi aceptado no seu país". Sen esquecer debilidades, como que Irlanda ten un dos sistemas impositivos máis altos de Europa. "Unha botella de viño implica case 5 euros de imposto, o cal favorece aos viños de alta gama fronte aos de baixa".