Unha concentración contra a violencia machista como exercicio académico
Por Redacción
Alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do campus pontevedrés congregáronse este mércores ás portas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para amosar a súa repulsa e rexeitamento á violencia contra as mulleres, nun acto que pecharon alzando no aire unha morea de globos violetas, a cor do feminismo.
Dirixido a dar voz ao estudantado no rexeitamento a esta lacra social, esta mobilización partiu da iniciativa dun grupo de estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación, que no marco dunha materia do grao en Publicidade e Relacións Públicas tiñan que abordar a mobilización social.
"Tiñamos que facer un traballo sobre mobilización para a materia Técnicas de propaganda política e como o pasado sábado celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, quixemos facer algo co alumnado, xa que os estudantes tamén queremos ter voz nisto", salientou Carolina Buján, unha das integrantes do grupo de alumnos que promoveu unha concentración á que sumáronse, entre outros, os decanos de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo; e Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde.
Desde a organización, encargáronse tamén de repartir entre os asistentes estes globos violetas, "cos que se pretendía darlle un pouco de visibilidade á concentración", que os presentes alzaron nas súas mans tras a lectura dun pequeno manifesto.