Fixan en 1.800 o número máximo de visitantes ao día en Ons
Por Redacción
Por primeira vez, a illa de Ons terá un cupo de visitantes. Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Ana María Díaz, ás asociacións ecoloxistas coas que se reuniu para adiantarlles o contido do futuro plan reitor de usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Ons carecía, ata o momento, de cupo establecido aínda que si había un control sobre o acceso. A partir de agora a proposta pasará por establecer unha capacidade máxima diaria de carga de 1.800 persoas para evitar o seu deterioro.
Na xuntanza, na que participaron Verdegaia, Luita Verde, Anduxía, Amigos da Terra, SEO e WWF España, Ana María Díaz indicou que este límite será tanto para a tempada alta como para a baixa.
A finalidade é compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do Parque Nacional, ordenar e facilitar o gozo do visitante baseado nos valores do parque, de modo que se compatibilice coa súa conservación.
No caso do resto dos arquipélagos, a idea é non incrementar e no caso das Illas Cíes a previsión da Xunta poderá pasar por unha minoración da capacidade total de acceso.
Este axuste adóptase despois de escoitar e recoller as impresións que os visitantes trasladaron nas enquisas sobre a súa experiencia e visita a estes enclaves naturais, preocupación que as propias asociacións ecoloxistas puxeron en riba da mesa na reunión.
O plan de usos será a folla de ruta na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para o próximos dez anos en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento.
A directora xeral tamén detallou a proposta dunha nova zonificación na que se establezan por primeira vez os posibles usos no medio mariño das diferentes illas.
A implantación deste criterio implica diferenciar zonas mariñas de uso moderado na superficie das augas mariñas e permitir así actividades e usos na superficie mentres que os fondos serían incluídos dentro doutra categoría de zonificación (zona mariña de reserva, zona mariña de uso restrinxido), co que se pretende garantir o desenvolvemento de actividades e usos coa conservación do valores do parque natural.
Deste xeito, diferénciase un uso distinto ao da superficie (permitindo a navegación, por exemplo) e nos fondos mariños un uso máis restrinxido ou incluso de reserva.
Relacionadas:
-
O peirao de Ons, candidato ao 'Rincón máis bonito' da Rede Natura
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Ons, fartos: "Levamos cos mesmos problemas 17 anos"
Por Alejandro Espiño |
-
Case 90.000 persoas desembarcaron este verán na illa de Ons
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo instala un medidor de ozono na illa de Ons
Por Redacción |
-
Avistan unha gran balea azul fronte á illa de Ons
Por Oskar Viéitez |