Ser fiel ao teu praceiro ten premio
Por Redacción
Unha furna de grandes dimensións situada no medio e medio da praza de abastos. No interior, unha morea de papeletas con dous nomes: o da persoa que participa no concurso 'Presume do Praceiro' e o do praceiro ao que lle é máis fiel e cuxo traballo quere valorar.
A estampa repítese por 49 mercados da provincia promovida pola Xunta de Galicia e este venres tivo o un primeiro punto de inflexión na de Pontevedra. Abreuse a furna, baleiráronse as papeletas e sortearónse tres vales de compra de 75, 50 e 25 euros entre os participantes que nos últimos meses botaran alí o seu voto.
A secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, elixiu as papeletas gañadoras acompañada polo presidente da Asociación de Comerciantes de Pontevedra, Antonio Reguera, e pola presidenta da asociación de profesionais da praza de abastos de Pontevedra, Mari Carmen Santos.
Os nomes que sairon da furna foron os de Marina Lorenzo Casas, María Jesús Tobío González e Victoria García Méndez, que nese mesmo momento recibiron unha chamada para comunicarlle que gañaron o correspondente premio e convidalas a acudir a recollelo. Ningunha puido naquel momento, pero os seus 75, 50 e 25 euros quedaron a bo recaudo en mans da praceira mellor valorada na edición do ano pasado deste concurso.
O seguinte chanzo do concurso chegará o 3 de maio cun novo sorteo e unha vez que se conten todas as papeletas, determinarase quen é o praceiro máis votado de cada mercado e recibirá unha homenaxe pública.
A campaña 'Presume de praceiro' ten por obxectivo poñer de relevo a figura profesional dos praceiros, ao tempo que se incentivan as compras e se promocionan e visibilizan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de produtos frescos e de calidade.
Quérese recoñecer aos praceiros, destacando a súa profesionalidade, consello e asesoramento, e premiando tanto a clientes como a comerciantes. Ao mesmo tempo, ponse de relevancia a importancia dos mercados e prazas de abastos como dinamizadores do comercio de proximidade e escaparates do produto galego para visitantes e turistas.
Este venres tamén se entregaron os premios noutras prazas da comarca. En Caldas de Reis, os gañadores foron, de primeiro a terceiro, Pili Campos Bello, Julia Abal Barreiro e Sita Bello Castro. En Bueu, María Elena Torres Lorenzo, María del Carmen González González e Dolores Durán Pastoriza. En Marín, María Luisa Calvar Canda, María Dolores Solla Santiago e Antonio Camino Lastra. En Seixo, Manuel González Graña, Yolanda Abilleira Márquez e Isabel Curra Lorenzo. En Ponte Caldelas, Pilar Guzmán, Canducha Piñeiro e José Luis Rodíguez Rodríguez.