Os nenos do Revel pronto poderán gozar dun patio cuberto
Por Redacción
As obras para cubrir o patio da escola infantil O Revel por completo terminarán ao longo desta semana.
A mellora da infraestrutura desta escola infantil foi posible grazas a unha axuda concedida pola Consellería de Política Social cofinanciada polo Fondo Europeo de desenvolvimiento rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Así cun orzamento total de 19.916 euros cubriuse a zona con ferros de policarbonato compacto, transparente e con protección ultravioleta. Ademais, protexeuse a cuberta transparente con celosía de aluminio para evitar os raios solares directos.
A estrutura portante componse de pórticos de aceiro laminado, ancorados á cimentación mediante placas de ancoraxe de aceiro laminado e redondos corrugados.
Con isto, a zona de xogos exterior da gardería quedará completamente cuberta e poderá ser utilizada en días de choiva. Ata agora cando chove ou hai moito vento, os nenos non poden saír ao exterior do edificio. Ademais, nos días posteriores á choiva tampouco poden facelo, posto que o chan tarda varios días en secar por completo.